Galiza fica sen poder pescar sardiña

O feche para as frotas do xeito e do cerco desta pesquería chave indigna o sector do mar.

pesca, barco, mar

O polbo, escaso e cos prezos aniñando nas alturas; e a sardiña, sen poder capturarse. Dous dos recursos tradicionalmente de peso na frota pesqueira galega. Galiza dixo esta sexta feira adeus á sardiña ao se fechar esta pesquería para o xeito, a arte tradicional que nesta campaña despacharan máis dun cento de embarcacións de portos como Rianxo, A Illa, Redondela ou Cambados. A mediados de semana fora a frota do cerco de Galiza a que tivo que parar de pescar este recurso, unha noticia que caeu coma unha xerra de auga fría no sector. 

En ambos os dous casos, o motivo do feche das pesquerías de sardiña vén de que rebasaron o cupo que tiñan asignado para maio, xuño e xullo, que é de 63 toneladas. Na época de mellor estado do recurso e cando este é máis demandado e acada mellores prezos. Desde confrarías e sector falan desta decisión como un mazazo. José Blanco, presidente da Asociación de armadores do cerco de Galiza (Acerga), afirmaba en conversa con Pilar Fernández que a Xunta ten moita responsablidade nesta situación por asumir e aceptar uns repartos e uns acordos "prexudiciais para Galiza, ficamos coas farangullas". O armador cerqueiro veu así a ratificar aquel debuxo de hai décadas de Castelao (que era da terra do xeito')de: "As sardiñas volverían se os gobernos quixesen".

Desde o xeito lembran que son pesca de baixura, artesanal e que non son eles os que esgotan os recursos. Lamentan que o feche chegue nun momento de abundancia de sardiña nas augas galegas. A comisión de seguemento do xeito propón que se permita continuar pescando, con cargo á cota para o trimestre agosto-setembro-outubro. Mais as cousas aínda poden ir a peor: hai algunhas propostas de cota cero de captura de sardiña para 2010. Unha ruíña para a frota galega e, ademais, unha ameaza de sobrexplotación doutros recursos pesqueiros aos que etrían que ir traballar barcos que até agora tiñan a sardiña como recurso principal.

Comentarios