Invenergy presenta ante o Ministerio os seus plans para desenvolver eólica mariña na Galiza

En concreto, o parque, bautizado como 'O Boi', tería unha potencia de 552 megawatts e situaríase fronte á costa da Coruña, en Nor-2, unha das zonas identificadas polo Goberno español como "de forte recurso eólico".
Parque de eólica mariña promovido por Acciona (Foto: Europa Press).
photo_camera Parque de eólica mariña promovido por Acciona (Foto: Europa Press).

A empresa americana Invenergy presentou ante o Ministerio de Transición Ecolóxica un documento que resume o seu interese preliminar e plans conceptuais para o desenvolvemento dun parque eólico mariño que se situaría fronte á costa coruñesa.

En concreto, o parque, bautizado como 'O Boi', tería unha potencia de 552 megawatts e situaríase fronte á costa da Coruña, en Nor-2, unha das zonas identificadas polo Goberno español como "de forte recurso eólico" e, por tanto, delimitado polo Executivo estatal de alto potencial para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña.

Xunto co paso formal ante o Ministerio, como parte do proceso de desenvolvemento, a empresa informou de que iniciou unha rolda de contactos coas partes interesadas para presentar o proxecto de 'O Boi' e de que prevé continuar co proceso de diálogo nun futuro.

Con todo, indicou que o desenvolvemento e a construción dun proxecto eólico mariño flotante consta de varias fases cuxa duración total pode estimarse nun rango de oito a dez anos até a súa posta en marcha. Os portos exteriores da Coruña e Ferrol son as opcións potenciais a utilizar para a montaxe das subestruturas offshore e a integración dos aeroxeradores.

O parque eólico 'O Boi' proposto contempla unha capacidade total instalada prevista de 552 megawatts. O proxecto tería capacidade para producir electricidade suficiente para satisfacer a demanda de máis de 600.000 fogares do Estado español, segundo explicou a compañía.

Invenergy

Invenergy Services, filial de Invenergy (unha multinacional creada en 2001 dedicada ao desenvolvemento de enerxía renovábel), opera na Galiza desde As Somozas (comarca de Ferrol) e As Pontes (Eume), desde onde realiza tarefas orientadas á construción, operación e mantemento de parques eólicos terrestres para terceiras empresas.

Tras a sombra de Invenergy atópase o fondo de investimentos Blackstone, propietario de milleiros de vivendas -entre outros activos- no Estado español, moitas delas na Galiza. A entidade, considerada un 'fondo voitre', completou o pasado ano un investimento de capital duns 1.000 millóns de dólares no xigante das renovábeis, unha cifra que se suma aos arredor de 3.000 millóns que xa inxectara entre os anos 2021 e 2022.

Comentarios