Por superar os 45 euros/mwh de media, o IVE da luz baixaría até 10% en xullo

A rebaixa do imposto sobre o valor engadido (IVE) da electricidade pasaría de ser de 21% -como é na actualidade- a 10% tanto no mercado libre como no regulado, salvo no caso das persoas vulnerábeis severas, para as que se mantén ao 10%.
Contador da luz (Foto: Andrey Popov).
photo_camera Contador da luz. (Foto: Andrey Popov).

O mes de xullo pode chegar cunha rebaixa do imposto sobre o valor engadido (IVE) da electricidade, que pasaría de ser de 21% -como é na actualidade- a 10% tanto no mercado libre como no regulado, salvo no caso das persoas vulnerábeis severas, para as que se mantén ao 10%. 

A razón deste cambio sería que o prezo medio durante o mes de xuño superará, previsibelmente, os 45 euros por megawatt/hora. En concreto, até esta segunda feira, a media foi de 51,4 euros e as previsións apuntan a xornadas con calor, pouca choiva e vento, algo que reduciría a dispoñibilidade de enerxía hidráulica e eólica.

Os 45 euros/mwh de media converteuse desde xaneiro na cantidade que determina o IVE da electricidade, unha elección determinada polo último decreto con accións para actuar contra a suba a inflación que aprobou en decembro de 2023 o Goberno español. 

O último cambio tivo lugar en marzo, cando a luz subiu o IVE ao 21%. Os meses de marzo, abril e maio deixaron uns prezos da electricidade historicamente baixos, impulsados pola presenza das enerxías renovábeis na xeración, e especialmente da fotovoltaica e a hidráulica, con prezos baixos que ocasionaron a aplicación dun IVE de 21%.

Agora, coa proposta, confirmada polo Ministerio de Asuntos Económicos, reduciríase despois do compromiso de baixar o IVE se o prezo medio mensual volvía subir por enriba dos 45 euros/mwh.

En xullo, ademais, saberase como queda o bono social eléctrico que se activou para  afrontar a crise enerxética. Se o Goberno español non renova antes do 30 de xuño as medidas, o desconto para as persoas consumidoras vulnerábeis pasaría de 65% a 25%, e o das vulnerábeis severas de 80% a 40%.

Comentarios