Mulleres, mocidade, infancia. Mais tamén aquelas familias con ingresos máis baixos, con traballos precarios ou de economía informal, nas que en moitas ocasións inciden outros factores de exclusión, como a discapacidade, a monoparentalidade, a violencia machista ou a prostitución, a etnia, a idade e a dependencia, para quen a padece como para quen se encarga de cubrila: mulleres, moitas veces rurais, migrantes ou refuxiadas.
A intervención da presidenta da EAPN Galiza-Rede galega contra a pobreza, Eloína Injerto, na comisión parlamentar para a reactivación económica, social e cultural pola crise da Covid-19 puxo esta terza feira no foco os grupos sociais especialmente afectados polos efectos da pandemia e tamén, todo un catálogo de medidas para compensar ese impacto cun obxectivo a longo prazo: reducir á metade a proporción de homes, mulleres, nenos e nenas que viven en pobreza de cara a 2030.
"Acadalo é posíbel se se cumpre o requisito de eliminar a aporofobia nas política públicas e seguir tres principios transversais, como son a coordinación, o compromiso en orzamentos e planificacións e un enfoque nas causas e nos dereitos", manifestou a comparecente, despois de debuxar o mapa da pobreza na Galiza previo á Covid, agravado agora pola pandemia: 655.000 persoas, 24,3% da poboación galega en risco de pobreza ou exclusión social en 2019, e 212.00o delas, 7,9% da poboación, en situación de pobreza severa, con menos de 500 euros ao mes, 1.050 euros no caso de fogares con dúas persoas adultas e dúas menores, e "cun deterioro da calidade de vida das persoas en peor situación concluínte segundo todos os indicadores".
Emerxencia habitacional
Nesta situación, e na convicción de que, como anticipou hai unhas semanas unha declaración institucional do Parlamento galego, "esta crise empobrecerá milleiros de galegas e galegos se non hai compromiso político e orzamentario da Xunta, dos concellos e das deputacións, a representante da Rede galega contra a pobreza fixou no dereito á vivenda a primeira das súas prioridades de actuación.
"O elevado gasto en vivenda, nin digna nin accesíbel, funciona como un aspirador de rendas que obriga a priorizar gastos, incluídos os alimentarios, e impide o éxito de procesos medidas de inserción social e laboral", advertiu a experta, quen reclamou toda unha serie de accións para afrontar a emerxencia habitacional.
Neste sentido, EAPN Galiza, que engloba 130 organizacións do terceiro sector unidas pola loita contra a pobreza, a exclusión e a desigualdade, demanda a creación dunha comisión parlamentaria sobre a exclusión residencial, que impulse medidas como a erradicación urxente de chabolismo e infravivenda, a implantación plena do Plan para persoas sen fogar 2019-2023, a promoción para o acceso a 40.000 vivendas dignas e accesíbeis en 2023, ou o financiamento de obras de rehabilitación, "penalizando as vivendas baleiras ou perseguindo a infravivenda de alugueiro".
Injerto sumou a estas accións a creación dun parque municipal básico de vivenda de emerxencia e de recurso de transición por cada 100.000 habitantes e medidas de prevención dos desafiuzamentos "que aseguren o mantemento da vivenda sen esperar que se produzan impagamentos ou o lanzamento", ademais de actuacións para asegurar a accesibilidade universal, tendo en conta datos que falan de 360.000 persoas con discapacidade residentes en 180.000 fogares con barreiras arquitectónicas.
As cifras, tiradas do informe Foessa e correspondentes a 2018, apuntan tamén a 35% da poboación galega en risco de exclusión residencial, 64,9% cando se trata de persoas en exclusión, e 61.400 fogares eran inseguros, 47.400, inadecuados e 189.500 fogares con insalubridade, situación que nesa data afectaba 511.000 persoas na Galiza.
As prioridades trasladadas pola presidenta de EAPN Galiza á comisión pasan tamén pola redución "drástica" da pobreza e exclusión infantil, mediante accións como a educación universal de cero a tres anos universal e gratuíta, o despregamento da rede galega de atención temperá para toda a poboación ou o pacto galego da educación inclusiva, que compense desigualdades social, como as provocadas pola crecente fenda dixital.
Da mesma maneira, Injerto demandou tamén un acompañamento "estábel e profesionalizado" garantido para as persoas en precariedade laboral ou con maiores dificultades de empregabilidade. "Non calquera emprego protexe da pobreza", concluíu a presidenta da EAPN.
Pola compatibilidade da Risga e IMV
Prioridade é tamén para a Rede galega contra a pobreza un sistema de garantía de ingresos que cubra as necesidades básicas e os procesos de inserción. "A aprobación do ingreso mínimo vital (IMV) é unha excelente nova, mais a premura na súa elaboración, a escasa coordinación con Gobernos autonómicos, concellos e organizacións e a elevada burocratización fai que a súa implantación sexa escasa", avaliou Injerto.
Aos seus ollos, Galiza ten "unha oportunidade única de loita contra a pobreza" se en 2021 se confirma o compromiso do Pleno de investidura de blindar o orzamento da Renda de inclusión social galega, a Risga, resolvendo a súa incompatibilidade co IMV, para complementar os ingresos até os 750 euros, o limiar de pobreza relativa, unha complementariedade que na comisión defenderon o BNG e o PSdeG e rexeitou o representante do PP.