Máis de 93.000 persoas no paro fican na Galiza fóra do sistema de protección de desemprego

A taxa de cobertura é de 51,9% mentres no Estado está en 56%.

Xente camiñando_Youtube

En Galiza hai 93.116 persoas desempregadas sen ningún tipo de prestación. Un dado preocupante.  O número de beneficiarios de prestacións é de 83.580, o que amosa unha caída de 8.244 a respecto de hai un ano. A taxa de cobertura fica en 51,9%, o que vén sendo 23 puntos menos que no ano 2010.

Actualmente, pois, lembran os sindicatos, fican fóra do sistema de protección por desemprego 93.116 persoas (tendo en conta tanto ás persoas que teñen dereito á prestación como as que non). A taxa de cobertura no resto do Estado é do 56%, catro puntos máis que en Galiza.

Ademais, tan só 35.093 persoas perciben unha prestación de carácter contributivo, 42% do total, o que apunta a unha forte precariedade no desemprego. A gran maioría perciben prestacións de carácter asistencial, subsidios (37.477); renda activa e inserción (8.898); ou programa de activación de emprego (2.112 persoas).


Os fogares de oito comarcas galegas teñen nas prestacións sociais a súa principal fonte de ingresos. Trátase de Os Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova e Viana. Segundo un informe publicado polo Instituto de Estatística de Galiza (IGE), nestas comarcas o volume salarial que entra nos fogares é menos que as prestacións. A porcentaxe da poboación maior de 65 anos supera 36% nestas oito zonas, cando a media de Galiza é de 23,98%, segundo os indicadores demográficos do IGE.


 

Comentarios