O paro rexistrado aumentou o duplo na Galiza que no Estado español

Unha de cada dez novas persoas desempregadas en outubro era galega. O paro incrementouse en todos os sectores agás a construción, e a afiliación á Seguridade Social caeu en 7.553 persoas en dous meses.

O número de persoas rexistradas no paro aumentou en outubro na Galiza nun 2,37%, porcentaxe que dobra a media estatal, onde a suba foi do 1,2%. O mes pasado houbo anotadas nas oficinas de desemprego na Galiza 4.604 persoas máis que en setembro e sitúa a cifra de persoas rexistradas como paradas en 198.940. No conxunto do estado español outubro despediuse deixando 44.685 parados máis. O 10% deles era galego, un de cada dez, embora en poboación e asalariados non pasemos do 5,9 por cento no conxunto do Estado.

Un de cada catro novos parados rexistrados en Galiza en outubro foi no sector da agricultura

O paro rexistrado subiu en todos os sectores agás a construción, onde mesmo se reduciu en 40 persoas. Mais iso non se deu no resto de ramas de actividade, nomeadamente en servizos, onde en outubro a cifra de parados rexistrados aumentou en 3.257. Tamén se incrementou o desemprego en industria (263 desempregados máis) e agricultura, con 1.022 novos parados, case un de cada catro novos desempregados rexistrados en outubro. Se facemos a comparación interanual, nestes doce meses o paro baixou no noso país na Galiza nun 10,4%, 23.152 persoas. A porcentaxe mellora a media no estado español, que foi de 9,85% nese mesmo período.

A afiliación á Seguridade Social caeu en outubro en 1.335 persoas

A afiliación á Seguridade Social descendeu en outubro en 1.335 persoas, ficando en 971.552, delas 733.321 no Réxime xeral, 216.237 en Autónomos e 21.994 no do Mar. Se estendemos o cálculo a dous meses atrás, comprobamos que entre setembro e outubro a SS perdeu na Galiza en 7.553 persoas.

Os dados proporcionados polo Ministerio de Emprego sobre contratación confirman a elevada temporalidade da economía. Os contratos temporais son amplamentre maioritarios, mesmo nos meses fóra do 'tirón' turístico e vacacional. En outubro asináronse na Galiza 86.274 contratos, dos que 79.636 foron de carácter temporal.

Comentarios