Os planos privados de pensións, en números vermellos

Dos 16 fondos de pensións máis importantes que operan neste momento no estado -aqueles que teñen  máis de 100.000 persoas suscritoras- 11 áchanse en números vermellos e os 5 restantes oferecen rendabilidades por debaixo do IPC.

Banco Santander

Volven a carga coa quebra do sistema público de pensións. Máis unha vez, como xa fixeran en 1996, datando a súa ruína en 2004, ou en 2010, cando retrasaron a idade de xubilación e o período de computo das bases de cotización, recuperase este argumento para debilitar o poder de compra das clases populares e beneficiar o sector financeiro, dado que son as entidades de crédito as titulares e as xestoras dos fondos privados de pensións. Só a desvergoña intelectual dos seus voceiros, a hexemonía ideolóxica das súas teses, o apoio dos grandes grupos mediáticos e os complexos da esquerda, posibilitan que continúen con este relato, posto que o único que quebrou ao longo de todos estes anos foron os plans privados de pensións.

Non estamos descubrindo nada novo. Un organismo nada sospeitoso como o IESE, a grande covacha da economía ortodoxa, recoñecía nun estudo publicado en Febreiro de 2010, que na última década o 93,2% dos fondos do sistema individual obtiveron un beneficio  interior á inflación e que o 99,3% dos fondos privados situáronse nunha rentabilidade menor a dos fondos do tesouro a dez anos. Outro tanto está a acontecer neste mesmo ano cos plans privados de pensións, cuestión que xa foi alertada por un traballo do INVERCO, até o punto de que dos 16 fondos máis importantes que existen no Estado Español, aqueles que reúnen a máis de 100.000 participes, 11 deles atópanse en números vermellos, entrando mesmamente varios deles en rentabilidade negativa a tres anos.

O fondo de pensións do Santander perde no que vai de ano máis de 2 por cento e o "Plancaixa equilibrio", de Caixabank, o 1,2

Non se salva ningún desta situación. Así “Mi Plan Santander prudente”, fondo de pensións xestionado polo Banco Santander que agrupa a máis de 215.000 persoas e que suma máis de 2.000 millóns de euros, perde no que vai de ano máis de 2% e un 0,22 actualizando os tres últimos anos. Se o plan con máis investidores presenta estes números, non é mellor a situación do “Plancaixa equilibrio”, fondo de “Caixabank”, que agrupa a 150.000 persoas e que se sitúa a cabeza canto a patrimonio, 3.400 millóns de euros, de todos os plans privados de pensións do Estado. O “Plancaixa equilibrio” cedeu no que vai de ano o 1,2%, afirmando a web da propia entidade unha rentabilidade negativa a 15 anos de 2,2%. Un caso e máis o outro, seleccionados por tratarse dos fondos con máis persoas investidoras e patrimonio, deixan claro que os plans privados de pensións van seguir xerando nesta década un beneficio interior a inflación.

O fondo do Banco Popular, coa comisión de xestión máis alta das que permite a lei, cedeu neste 2016 o 2,7 por cento do seu valor

O peor está por vir. A práctica totalidade das análises coinciden en afirmar que a rendabilidade dos plans privados de pensións van empeorar nos vindeiros meses e anos, como consecuencia da situación que debe enfrontar a banca europea e de xeito moi particular algunhas entidades como o Deutsche Bank, a práctica totalidade das italianas ou o Banco Popular. Precisamente o fondo de pensións xestionado por este banco, “Europopular Vida”, atópase a cola destes 16 fondos, até o punto de perder neste ano o 2,7% do seu valor, ao tempo que presenta a comisión de xestión máis alta das permitidas por Lei. Non nos debe estrañar entón que as entidades de crédito á hora de vender estes produtos aos clientes fagan fincapé nos seus beneficios fiscais, xa que a rentabilidade, o factor que realmente marca a diferenza de cara a xubilación, foi, é e seguira sendo negativa.

Comentarios