Telefónica investiga unha suposta filtración de datos de 120.000 clientes e empregados

Os datos que tería no seu poder o potencial cibercarracho non é información que se considere sensíbel, dado que non son contas bancarias ou contrasinais de correos electrónicos.
Sede de Telefónica en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sede de Telefónica en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Telefónica investiga desde esta terza feira "a lexitimidade da información" que un usuario e potencial cibercarracho publicou nun foro de hackers na internet no que afirma que conseguiu os datos de 120.000 usuarios e empregados da compañía española para poñelos logo á venda. A fenda de seguridade que permitiu acceder a esa información produciuse o pasado marzo, informou a empresa de ciberseguridade HackManac.

A operadora está a estudar a situación para dilucidar se son certas as afirmacións do potencial cibercarracho e tamén para esclarecer se, no caso de que efectivamente se producise esta fenda na seguridade da empresa, a vulnerabilidade tivo a ver cun provedor externo.

Na mensaxe publicada no foro de hackers o usuario afirma que puxo á venda a base de datos supostamente roubada a Telefónica debido a que non ten utilidade para el. "Pero seguro que para alguén si", engadiu.

Os datos que supostamente tería no seu poder o potencial ciberdelincuente non é información que se considere sensíbel, dado que non son contas bancarias ou contrasinais de correos electrónicos. Porén, si podería ser utilizada para suplantar a identidade da compañía e intentar estafar os seus clientes perante a técnica do phising.

Phising na Mezquita

E precisamente un caso de phising foi o que sufriron varios veciños e veciñas da Mezquita (comarca de Viana) que recibiron chamadas de estafadores facéndose pasar por persoal do Concello para pedirlles o DNI, datos bancarios ou o enderezo. O Goberno local emitiu un bando para alertar a poboación.

Comentarios