Pesca

A Xunta decreta, até o 31 de outubro, a veda de pesca de choco na ría de Arousa

Durante este período queda prohibida tanto a pesca para a baixura como a de recreo. Ademais, as capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar.
Individuo de choco ('Sepia officinalis'). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Individuo de choco ('Sepia officinalis'). (Foto: Nós Diario)

A veda de captura de choco na ría de Arousa esténdese desde esta segunda feira, 31 de xullo, até o 31 de outubro, ambas xornadas inclusive, segundo figura na resolución que a Consellería do Mar publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Durante este período queda prohibida tanto a pesca para a baixura como a de recreo. Ademais, as capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar.

Desta maneira, queda prohibida "a captura, tenencia a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie", incide a Xunta.

Esta medida aplícase dentro das liñas de referencia do anexo III que se recolle no decreto polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Galiza na ría de Arousa.

Así mesmo, apunta que os informes técnicos constatan que a partir do mes de xuño a porcentaxe de individuos xuvenís capturados "increméntase en 80% respecto de meses anteriores", nos cales se recomenda limitar o emprego das diferentes artes de pesca nas zonas máis interiores das rías.

“Explotación responsábel”

Con esta decisión búscase instaurar e regular as medidas dirixidas á "conservación e a explotación responsábel, racional e sustentábel dos recursos mariños vivos", un obxectivo estabelecido pola Lei de Pesca da Galiza.

Comentarios