Assad, sobre a elección de Trump: “Non temos grandes expectativas”

Na campaña eleitoral Donald Trump anunciou que apoiaría o goberno sirio no combate contra o Exército Islámico. Mais Bashar al-Assad pon en dúbida que o presidente eleito dos EUA poda materializar esa promesa. En Washington hai “diferentes poderes” e “lobbies” con capacidade de presión sobre “calquer presidente”.

Entrevista Bachar Al Assad. 15 de novembro de 2016
photo_camera Un momento da entrevista

“Non temos grandes expectativas porque a administración norteamericana non se restrinxe ao presidente. Hai diferentes poderes no seo desta Administración. Diferentes lobbies que van influenciar calquer presidente. Por iso teremos que esperar a ver o que fará ao asumir a súa nova misión”, dixo o presidente de Siria nunha entrevista exclusiva coa radio televisión pública portuguesa.

Durante a campaña, Donald Trump manifestou, en diversas entrevistas, a súa intención de cooperar con Damasco no combate contra o Estado Islámico, alén de insinuar que o aparecimento deste grupo terrorista foi auspiciado por Hillary Clinton. Interpelado polo xornalista da RTP Paulo Dentinho a respeito destas afirmacións do político republicano, Assad perguntouse se Trump “poderá avanzar nesa dirección” perante a presión que exercerán en sentido oposto “as forzas contrarias no seo da Administración e os meios de comunicación mainstream”. “Como poderá lidar [Trump] con iso? É por esa razón que fica dubidoso para nós sabermos se el pode ou non cumprir coas súas promesas”, enfatizou Assad.

“Somos moito prudentes na nosa avaliación, especialmente porque [Trump] non detentou até hoxe ningún cargo político. Destarte, non podemos dicer nada sobre o que irá facer, mais se -e digo se [afirmou con énfase]- el combate os terroristas, é claro que seremos un aliado natural, xuntamente cos rusos, os iranianos e moitos outros países que queren derrotar os terroristas”.

Assad deixou claro que non toleraría un acordo entre a Administración Trump e as milicias curdas: a cooperación, argumentou, ten de se producir “entre gobernos”

En realidade, os sinais que veñen de Washington son abondo contraditorios. Na conversa Paulo Dentinho aludiu a unhas recentes declaracións do vicepresidente eleito, Mike Pence, favorábeis ao uso da forza militar norteamericana para intervir en Aleppo “contra as forzas sirias” en orde a evitar unha nova “crise humana” na cidade en disputa entre os distintos bandos combatentes. “Iso vai de novo contra o Direito Internacional”, avaliou Assad. E acrecentou: “Ese é o problema na posición americana. Eles pensan que son o policía do mundo, pensan que son os xuíces do mundo. Non o son. Son un país soberano, un país independente, mais ese é o límite. Non deben interferir en calquer outro país”, alegou.

Assad tamén deixou claro que non toleraría un acordo entre a Administración Trump e as milicias curdas: a cooperación, argumentou, ten de se producir “entre gobernos”  e non con “calquera facción no seo de Siria”. “Calquera cooperación que non pase polo goberno sirio non é legal”.

A análise da guerra de Siria a ollos de Assad é que o conflito sería doadamente resolúbel se fose interno ao país e non estivese interferido por estranxeiros. Para o presidente sirio, non se pode equiparar a presenza no país de turcos, norteamericanos, iranianos e rusos. Os primeiros estarían en Siria a violar o direito internacional e a apoiar o terrorismo islamista. Os segundo estarían por desexo expreso do goberno lexítimo do país, salientou Assad, como aliados no combate contra o Estado Islámico.

Comentarios