A esquerda francesa fecha o acordo para as lexislativas entre o auxe da ultradereita e a guerra civil na dereita 'moderada'

O adianto electoral de Macron axita o taboleiro político.
Pleno da Asemblea Nacional de Francia. (Foto: Rit Heize / Xinhua News / Contactophoto vía Europa Press)
photo_camera Pleno da Asemblea Nacional de Francia. (Foto: Rit Heize / Xinhua News / Contactophoto vía Europa Press)

Semana frenética en Francia após unhas eleccións ao Parlamento Europeo que axitaron por completo o taboleiro político. Na propia noite electoral, o presidente, Emmanuel Macron, anunciou a disolución da Asemblea Nacional e o adianto dos comicios lexislativos aos próximos 30 de xuño —primeira volta— e 7 de xullo —segunda—, unha decisión que acelerou os acontecementos.

A esquerda reagrupouse para facer fronte ao auxe da extrema dereita de Marine Le Pen, que venceu nas europeas con máis de 31% dos votos, e decidiu 'refundar' a Fronte Popular que en 1936 alcanzou o poder da man de Léon Blum. Nesta grande alianza, cuxo acordo definitivo foi anunciado a quinta feira logo do repartimento de circunscricións, converxen as forzas que xa acudiran xuntas ás lexislativas de 2022 —nomeadamente A Francia Insubmisa, Partido Socialista, Partido Comunista e Os Verdes— perante a marca Nupes (Nova Unión Popular Ecolóxica e Social) e tamén, desta volta, o Novo Partido Anticapitalista, cuxas diferenzas co centro-esquerda parecían irreconciliábeis.

Mais agora o escenario é ben distinto ao de dous anos atrás e o máis urxente é "a unidade contra o fascismo", tal e como proclamaron esta cuarta feira os anticapitalistas. Tamén desde o espectro oposto do arco político empeza a afianzarse a dinámica de bloques nunhas eleccións que se presentan como as máis polarizadas en Francia nos últimos tempos. O líder dos conservadores Os Republicanos (Partido Popular Europeo), Éric Ciotti, foi expulsado por unanimidade, nunha xunta directiva do partido decorrida na tarde desta cuarta, após propor unha unión coa ultradereitista Agrupación Nacional, un cesamento que se negou a acatar.

O dirixente republicano asegurou que un hipotético Goberno liderado por Jordan Bardella (Agrupación Nacional) incluiría ministros da forza conservadora, o que interpreta como "unha oportunidade histórica" após varios anos afastados do poder. De confirmarse sería o fin do cordón sanitario que até o de agora rexeu en Francia nas relacións cos ultras.

Non entraría nesa alianza o tamén ultradereitista Reconquista, de Éric Zemmour, se ben a súa 'número dous', Marion Maréchal, intentou negociar a unión con Bardella. Un movemento que lle custou a expulsión, tal e como confirmou o propio Zemmour.

Un tribunal de París será o encargado a sexta feira de determinar quen saíu vencedor do terremoto provocado por Ciotti, que presentou un recurso contra a súa destitución e expulsión.

Sexa como for, a pesar da reacción contra Ciotti por parte da dirección polas negociacións dun acordo coa forza de Marine Le Pen, que implicaría a fin do cordón sanitario contra a ultradereita nas institucións do país, un dos líderes provisorios nomeados polos disidentes, François-Xavier Bellamy, confirmou que o cordón forma parte do pasado ao afirmar que no caso de ter que elixir na segunda volta entre unha candidatura da Fronte Popular, a alianza que negocian as forzas progresistas, e RN, optaría pola extrema dereita.

Pola súa parte, Macron, cuxos seguidores concorrerán baixo o paraugas de Xuntos, igual que nos comicios de 2022, preséntase como a alternativa "centrista" ás alianzas "contra natura" que se están a formar desde a esquerda até a ultradereita.

As expectativas, con todo, non son especialmente boas nin para o presidente nin para as forzas de esquerda. Unha enquisa do instituto Elabe daba esta cuarta feira a vitoria a Agrupación Nacional, con 31%, seguida da Fronte Popular (28%) e, a unha maior distancia, Xuntos (18%). Os Republicanos, no caso de concorrer en solitario, obterían un 6,5% que, sumado á formación de Le Pen e ao 4% que lograría Reconquista, podería dar a maioría a un goberno ultra.

 

Comentarios