“Benvidos ao inferno”: Ducias de miles de persoas maniféstanse en Hamburgo contra G-20

Confrontos violentos, que se prolongaron durante horas, deixan ducias de persoas feriras e detidas. O dispositivo de seguridade intégrano máis de 20.000 policías, reforzados con forzas especiais de varios países.

Hamburgo g20

G-20, onde quer que vaia, non goza precisamente de comités de benvida, polo menos no sentido clásico. As cimeiras dos países máis ricos do mundo van ligadas, desde hai anos, a protestos e manifestacións de rexeitamento alí onde se realizan. E Hamburgo, unha cidade cunha forte compoñente contestataria que vai moito máis alá do coñecido St. Pauli, non ía ser menos.

“Benvidos ao inferno” foi unha das palabras de orde da manifestación anticapitalista que quixo dar recebemento ao G-20, que decorre esta sexta feira e sábado. “O inferno é o neoliberalismo”, outra. Miles de persoas tomaron parte nesta mobilización nunha xornada de marchas multitudinarias e ducias de actividades anti-G-20. “Prefiro bailar antes que o G-20” reuniu 11.000 persoas nunha manifestación a ritmo de tecno, pore xemplo.

Na manifestación atnticapitalista producíronse enfrontamentos coa policía. Segundo o Frankfurter Allegemeine Zetung os enfrontamentos e disturbios prolongáronse toda a noite da quinta á sexta e nos que tomaron parte por volta de 6.000 persoas. O primeiro balanzo falaba de ducias de manifestantes e axentes feridas. Para estes dous días hai previstas unha trintena de manifestacións.

O dispositivo de seguridade está integrado por máis de 20.000 policías. Material anti-disturbios, helicópteros, drons.. ao seu dispor. E apoiados por axentes de forzas especiais de países como Austria ou Holanda. Todo para protexer e salvagardar unha cimeira na que se reúnen mandatarios das principais potencias.

Estes días decorre tamén unha contra-cimeira, cita na que toman parte miles de activistas de diferentes países e nos que se analizan e debate diferentes cuestións, desde a situación dos refuxiados até propostas de economía social, palestras sobre decrecentismo ou contra o militarismo.

Comentarios