A Corte Penal Internacional ordena deter o líder das Forzas Armadas rusas polos ataques á infraestrutura eléctrica ucraína

Tamén emitiu unha orde de arresto contra o ex titular de Defensa.

Valeri Gerasimov, líder das Forzas Armadas rusas, e o presidente Vladimir Putin. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)
photo_camera Valeri Gerasimov, líder das Forzas Armadas rusas, e o presidente Vladimir Putin. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)

A Sala de Cuestións Preliminares da Corte Penal Internacional (CPI) comunicou a terza feira que aprobou a petición da Fiscalía de emitir ordes de detención contra Valeri Gerasimov, xefe do Estado Maior das Forzas Armadas rusas, e o ex ministro de Defensa Sergei Shoigu, aos que acusa de crimes de guerra e lesa humanidade entre outubro de 2022 e marzo de 2023, no marco da invasión de Ucraína.

O tribunal incúlpaos do “grande número de ataques contra numerosas plantas de enerxía eléctrica e subestacións en múltiples localidades” ucraínas, sostendo que derivaron en “actos inhumanos” e nun crime contra a humanidade por causar “intencionalmente un gran sufrimento ou lesións graves” á poboación.

Asemade, incidiu en que teñen “motivos razoábeis” para considerar que “estaban dirixidos contra obxectivos civís” e xustificando que, no caso dos ataques a instalacións que se poderían cualificar como militares, “o dano agardado tería sido claramente excesivo”.

Con anterioridade, a Corte lanzara ordes de arresto contra o presidente ruso, Vladimir Putin, e a comisionada presidencial rusa para os dereitos das crianzas por presunta deportación ilegal de menores, así como contra dous militares polos ataques contra a infraestrutura eléctrica.

Moscova reiterou en múltiples ocasións que é un obxectivo militar lexítimo, e o Consello de Seguridade ruso afirmou que “a xurisdición da CPI non inclúe Rusia" e que "a decisión tomouse como parte da guerra híbrida de Occidente contra o noso país”.

Crimes nunca xulgados

Con anterioridade, a Xustiza internacional non xulgou os ataques contra a infraestrutura eléctrica, como aconteceu nos bombardeos da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) contra Iugoslavia.

Comentarios