A Deputación de León vota a prol da autonomía para a Rexión Leonesa

Cos votos a favor de PSOE e UPL e en contra de PP e Vox.
León ya
photo_camera Votación na Deputación de León esta cuarta feira (Foto: UPL)

O pleno da Deputación de León aprobou esta cuarta feira a moción a favor da autonomía para a Rexión Leonesa, conformada polas provincias de León, Zamora e Salamanca, co apoio da formación Unión do Pobo Leonés (UPL) e do PSOE, 13 deputados, e o voto negativo PP e Vox, 11 deputados.

O PSOE e UPL cogobernan a Deputación de León desde 2019. Neste pleno só participaron 24 dos 25 deputados ante a ausencia dunha deputada do PP por enfermidade, con 10 representantes do PP, 10 do PSOE, 3 de UPL e 1 de Vox.

UPL defendeu o voto favorábel polo resultado da autonomía para as provincias da Rexión Leonesa, das últimas nas clasificacións económicas e demográficas, “estamos no momento histórico de facer valer o que se defendeu ao principio do proceso autonómico”.

O portavoz de UPL, Valentín Martínez, afirmou que a solución aos seus problemas é a nova comunidade debido á configuración do estado das autonomías de España, mediante a xestión de fondos de até 1.000 millóns “que se nos está birlando á autonomía leonesa”.

O portavoz do PP, David Fernández, defendeu que “a competencia da Deputación é diferente da que temos os concellos sobre a moción”, polo que considerou que a institución só tiña o poder de “iniciar un proceso autonómico” como unha proposta e non como unha moción, “que vostedes tiñan que aproveitar”.

A vicepresidenta socialista, Ana Arias, repasou a situación da provincia, en canto a poboación e oportunidades. “As políticas do PP na Comunidade conseguiron que miles de habitantes de León deixasen a nosa terra. A este feito incuestionábel hai que engadir a miope postura da Junta de negar os agravios cara á nosa provincia, o que levou a que non exista en León un sentimento de Comunidade. O obxectivo común debe ser salvar León”, argumentou.

Comentarios