Unha decena de países pediron por carta á Alta Comisionada de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, que fortaleza as súas xestións a favor da retirada dunhas sancións que, ademais de "ilegais", consideran "xenocidas" polas "nefastas" consecuencias que teñen na loita contra o coronavirus.
"Pedímoslle que inclúa na actual resposta prioritaria á epidemia da COVID-19 a necesidade de levantar as medidas coercitivas unilaterais, xa que afectan os dereitos humanos fundamentais", sinalan. Cambodja, China, Cuba, Corea do Norte, Irán, Nicaragua, Rusia, Siria, Venezuela e Cimbabue asinan a carta datada o 21 de abril en Xenebra e dirixida a Bachelet.
Os asinantes insistiron en que as sancións económicas e financeiras constitúen "unha violación flagrante do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas", apuntando ademais a súa "natureza inmoral e inhumana" porque funcionan "a expensas dos Dereitos Humanos", especialmente do dereito ao desenvolvemento.
Denunciaron ademais que no actual contexto de pandemia "as restricións financeiras e bancarias, así como as amplas sancións secundarias impostas a diferentes sectores económicos dos países afectados, privaron a esas nacións dos seus propios recursos financeiros, por unha banda, e impedíronlles importar produtos básicos que salvan vidas, como equipamento médico, pola outra".
Cooperación internacional
Igualmente, sostiveron, "están socavando gravemente a cooperación internacional para frear a pandemia e tratar os pacientes", porque "tamén afectaron negativamente os esforzos das organizacións internacionais pertinentes para axudar a estes países a responder ao brote, en particular, á adquisición oportuna de equipamento médico".
"Ningún país por si só pode responder á epidemia", afirmaron, e engadiron que o labor colectivo é a única forma de deter esta epidemia e protexer a poboación de todo o mundo". "A solidariedade e a cooperación entre todos os Estados é esenciais para responder á pandemia da COVID-19", afirmaron.