Euskal Herria voga cara ao 21-O coa soberanía como leme

As distintas formacións que concorren ao 21-O xa presentaron as súas candidaturas para unha cita que vai alén de coñecer simplemente quen sentará en Ajuria Enea
photo_camera ikurriña ao vento

Esta segunda remata o prazo de presentación das candidaturas para as eleccións vascas o vindeiro 21-O, unha cita en que todo está aberto, a nivel electoral, como había tempo que non pasaba nuns comicios autonómicos vascos. Enquisas e sondaxes vaticinan unha ampla vitoria do nacionalismo sobre o constitucionalismo, quedando por ver se vai ficar por diante o PNV (cunha lixeira vantaxe, como indican esas enquisas) ou EH Bildu.

Entrementres PSE-PSOE e PP pulan polo espazo constitucionalista e por, sobre todo @s socialistas, ter un posto de privilexio cara a un pacto pos-electoral co PNV que desactive calquera entrada no goberno de EH Bildu e a apertura así en Euskal Herria dun camiño claro e directo cara á soberanía.

O PNV encabeza a súa candidatura por Bizkaia con quen é tamén o seu candidato á lehendakaritza, Iñigo Urkullu, o home que arestora posúe sobre as súas costas o encargo de recuperar Ajuria Enea. Os jeltzales configuráronse nestes 30 anos como un partido-goberno en Euskadi. A súa campaña combina a reafirmación de que el@s son @s abertzales zaharras (os patriotas vellos, os de sempre) así como quen nestes 30 anos amosaron presumir de saber, din, como manexar o goberno en beneficio do avance do país e sorteando crises. O cabeza de listaxe do PNV por Gipuzkoa é Joseba Egibar, a quen sempre se sitúa no sector independentista do partido (e como o fiel albacea de Arzalluz), entrementres por Araba vai de número 1 Xabier Agirre.

Tempo de solucións

Doutra banda, Eh Bildu xa comezou hai tempo a preparar a cita coas eleccións, mesmo antes de saber que estas ían adiantarse ao 21-O. A formación da esquerda abertzale mesmo presentou o seu grupo de goberno, como sinal de que ían en serio e con responsabilidade para gobernar Euskadi en base a tres eixos: soberanía para o pobo vasco, xustiza social e pular pola concreción do proceso de paz aberto.

Laura Mintegi, candidata a Lehendakari, encabeza a listaxe de EH Bildu por Bizkaia, seguida de Maribi Ugartuburu (voceira da esquerda abertzale), Leire Piñedo e Dani Maeztu (de Aralar) e Oskar Matute (de Alternatiba).

Por Gipuzkoa (territorio forte da esquerda abertzale, onde todas as enquisas lle vaticinan que, como nas anteriores municipais e forais, e, en menor medida, antes da ilegalización, o que era a esquerda abertzale, vai ser a forza máis votada con diferenza), a listaxe encabézaa o profesor Xabier Isasi. De segundo vai o secretario xeral de EA, Pello Urizar, e de terceira Marian Beitialarraugoiti (que foi alcaldesa de Hernani por ANV).

E xa por Araba, a candidatura leva de primeira a Belen Arrondo (do sindicato STEE-EILAS), seguida de Hasier Arkaiz (quen foi voceiro de Batasuna) e Eva Blanco (concelleira de Bildu en Amurrio).

Constitucionalistas

No bando dos constitucionalistas (ou unionistas como, en semellanza á xerga irlandesa se denominan non só na esquerda abertzale senón tamén nos sectores do PNV) son tres as forzas en litixio que actualmente teñen representación: PSOE, PP e UPyD.

@s socialistas avogan agora por se presentaren como baluarte aos recortes do PP a nivel de goberno español (malia gobernaren en coalición neste mandato en Euskadi, nun pacto por riba da forza máis votada, PNV, e cunha ilegalizada Batasuna que alterou o mapa electoral). Patxi López é candidato a Lehendakari, e Jose Antono Pastor e Iñaki Arriola encabezan as listaxes polas diferentes circunscripcións.

O PP xoga a presentarse como o derradeiro parapeto que garante o Estado español fronte ao caos secesionista. Antonio Basagoiti vai de número 1 por Bizkaia, entrementres Arantza Quiroga (presidenta parlamento vasco) e Iñaki Oyarzabal encabezarán as listaxes de Araba e Gipuzkoa.

E UpyD leva a Gorka Maneiro como candidato a Lehendakari, confiando en revalidar o escano obtido hai tres anos e medio. O seu discurso é claro: España, España e máis España. E todo o que non sexa Estado español é terrorismo ou do entorno, mesmo o PSOE ou o PP.

No que atinxe a IU-Euskadi, as súas posibilidades de entrar no Parlamento vasco son máis que escasas. As crises e escisións que derivaron na marcha do sector que conformou Alternatiba (e que asumindo a autoderterminación como principio básico entrou en Bildu-Amaiur- Eh Bildu) deixou a marca IU seguidista de Madrid con máis que escasa marxe de manobra. Seguen a falar dun federalismo dentro do Estado español ao tempo que  defenden a necesidade de políticas claramente de esquerdas no social, eido este último en que EH Bildu é mellor percibido pola sociedade (Euskobarómetro).

Comentarios