Feixoo valora presentar unha moción de censura após as europeas "se se dá o contexto adecuado"

Para que puidese saír adiante, con todo, precisaría o apoio dos sete deputados e deputadas de Junts.
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, este domingo, nun mitin electoral en Zaragoza. (Foto: Ramón Comet / Europa Press)
photo_camera O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, este domingo, nun mitin electoral en Zaragoza. (Foto: Ramón Comet / Europa Press)

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, puxo esta segunda feira sobre a mesa a posibilidade de impulsar no Congreso unha moción de censura contra o Goberno de Pedro Sánchez após as eleccións europeas do domingo "se se dá o contexto adecuado". Para que puidese saír adiante, con todo, precisaría o apoio dos sete deputados e deputadas de Junts.

Así o manifestou esta mañá nunha entrevista no programa de Antena 3 'Espejo Público' na que, interpelado pola xornalista Susana Griso sobre se unha "vitoria moi rotunda" do PP nas europeas podería motivar unha moción contra Sánchez, chamou a agardar ao resultado final e non caer na "política ficción". En calquera caso, autorreivindicouse como "a alternativa" ao actual Executivo.

"Se esa maioría social que non está de acordo co que está a pasar neste ambiente de corrupción política e económica, con esta parálise do Goberno na que levamos case un ano... se esa maioría social é tamén maioría electoral e manda unha mensaxe o 9 de xuño, entendo que os cidadáns veremos máis próximo o final do túnel", asegurou. E, nesta liña, dixo estar disposto a utilizar "todas as ferramentas" que considere "oportunas", entre as que incluíu a moción de censura.

No tocante á Lei de amnistía, aprobada a pasada semana, o líder popular mostrouse convencido da súa "inconstitucionalidade" e de que vai "en contra dos tratados da Unión Europea". "E, en consecuencia, esa lei non sei vai aplicar no Estado español", augurou, ao tempo que acusou o Congreso de carecer da "lexitimidade" para aprobar a norma.

Feixoo culpou o Goberno de "mentir de forma masiva" porque "non incluíu esta norma no seu programa electoral". Ademais, advertiu que se supón o "fin do procés", como di o propio Executivo, mais porque "os independentistas falan de que é o inicio" e apuntan a un referendo, "falando de derrogar o réxime do 78".

Comentarios