Fin á sobrepesca: unha acción climática

Científicos de toda Europa lanzan unha campaña para solicitar á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo e aos Estados membros que poñan fin de maneira inmediata á sobrepesca. Os ministros de Pesca teñen previsto reunirse tras o verán para estabelecer os límites de capturas para o ano 2021.
2020061114224994062
photo_camera A Axencia Europea do Ambiente considera "pouco probábel" que se consiga avanzar nos obxectivos "sen unha maior acción colectiva" (europa.eu)

"A xestión pesqueira baseada nos ecosistemas dos caladoiros é crucial para a saúde dos océanos e para a súa capacidade de resposta ao cambio climático". Este precepto é o defendido polas organizacións ambientais en todo o mundo e é o que volven a reclamar, unha vez máis, á UE.

Os ministros de Pesca comunitarios teñen previsto reunirse despois do verán para estabelecer os límites de capturas en 2021. Unha negociación que tamén estará marcada polas conversas co Reino Unido a respecto da súa saída ordenada do club. 

As ONG de protección dos océanos consideran que, desde a creación da Política Pesqueira Común, a xestión pesqueira na UE se centrou estritamente na dalgunhas ─non todas─ especies a nivel individual, sen ter suficientemente en conta os ecosistemas onde se desenvolve a pesca. A comunidade científica cre que cómpre reverter o modelo e apostar por outro holístico.   

Máis de medio centenar de expertos presentaron onte neste sentido un manifesto, onde tamén solicitan á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo e aos Estados membros que poñan fin de forma inmediata á sobrepesca "como unha resposta urxente e necesaria ás crises climática e da biodiversidade".

A organización Our Fish, que impulsa o documento, convidou a comunidade científica de toda Europa a o apoiar. A lista final de asinantes será entregada ao comisario europeo do Ambiente, dos Océanos e da Pesca, Virginijus Sinkevičius, e mais aos responsábeis dos Gobernos dos 27 "despois do verán e antes de que os límites anuais de capturas sexan acordados para 2021".

A campaña lanzada onte chega nun "momento crucial". Na segunda feira celebrouse o Día Mundial dos Océanos, e xuño é o mes do "Momentum polo Cambio Climático" da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático. Tamén, durante estes días mantivéronse os Diálogos Virtuais sobre os Océanos que organiza o Foro Económico Mundial, e a UE está a traballar no Plan do Obxectivo Climático para 2030 e o Pacto Europeo polo Clima. 

Vital para a saúde humana

"A sobrepesca e a captura accidental [a de especies diferentes ás do obxectivo da explotación pesqueira] son os maiores causantes da perda de biodiversidade nos océanos", afirma Alex Rogers, director científico no barco de investigación Rev Ocean. Rematar con estas prácticas é "chave" para a "capacidade de resposta dos océanos ao cambio climático", e é "vital para a saúde humana, incluída a das xeracións futuras".

Por sobrepesca enténdese a que se produce en cantidades demasiado elevadas como para que as especies capturadas se poidan estabelecer. A UE comprometeuse en 2014 a acabar con ela este ano, mais a Axencia Europea do Ambiente, no seu último informe sobre o Estado das poboacións de peixe de mar e de marisco nos mares europeos, de outubro de 2019, di que "é pouco probábel que o obxectivo de ter poboacións de peixe e de mariscos saudábeis nos mares de Europa en 2020 sexa atinxido sen unha maior acción colectiva".

Impacto no clima

Para Rainer Fröse, investigador no centro Geomar-Helmholtz de Kiel, en Alemaña, a sobrepesca "nin axuda os mariñeiros nin axuda os peixes; non axuda a ninguén", e ademais "ten un impacto no clima". "O pescado que é demasiado pequeno non pode completar o seu rol no ecosistema. Se un ecosistema non funciona correctamente, non pode respirar correctamente e non pode absorber CO2 correctamente", explica Fröse.

No mesmo sentido maniféstase Didier Gascuel, director do Centro de Pesca e Ciencias do Mar  do Agrocampus Ouest, da Universidade de Rennes, que considera que "sen lugar a dúbidas, asegurar a sustentabilidade da pesca é unha acción climática". 

"A UE ten a mellor ciencia dispoñíbel ao seu dispor, agora cómpre vontade política para converter esa ciencia en acción. A natureza estanos a enviar unha mensaxe, e a comunidade científica tradúcea para nós: a biodiversidade e o sistema climático que sosteñen a nosa vida neste planeta están a ser destruídos pola nosa forma de vida, e isto acabará por destruírnos de non actuarmos. Acabar coa sobrepesca é crucial para actuar ante as crises climática e da biodiversidade", reflexiona Rebecca Hubbard, directora de programas de Our Fish.

A actual campaña, da que fan parte estes expertos, persegue que os límites pesqueiros na UE sexan estabelecidos de acordo con "niveis sustentábeis ecoloxicamente" e en base aos "mellores criterios científicos independentes". Ademais, pide priorizar nas cotas os pescadores que teñan un menor impacto ambiental.

Comentarios