A Fiscalía do Estado español demandou á Audiencia de Barcelona que arquive a causa contra a ex directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, pola espionaxe ao presidente catalán, Pere Aragonès, por medio dun software introducido no seu teléfono móbil, aducindo que a súa actuación foi legal en base á autorización outorgada polo Tribunal Supremo entre 2019 e 2020, transcendeu a cuarta feira.
O xuíz Santiago García negárase a arquivar a causa polas sospeitas de que o CNI tamén espiou Aragonès, que se desempeñaba naquela altura como vicepresidente da Generalitat, en 2018, o que foi confirmado por un informe pericial, e nesta ocasión sen autorización do Supremo. Aínda que Esteban, única persoa imputada pola espionaxe a arredor de 60 persoas independentistas catalás, era nese momento a secretaria xeral do organismo, a Fiscalía rexeita que sexa investigada por este período.
A defensa de Aragonès subliña que incluso coa autorización do Supremo, a espionaxe foi ilegal ao responder a motivacións políticas.