O Goberno de Gaza denuncia que non entra axuda humanitaria hai sete semanas ante o bloqueo israelí

Novo ataque contra a familia do líder de Hamás, Ismail Haniyeh.
Unha muller despídese dunha crianza asasinada en Gaza, a terza feira. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)
photo_camera Unha muller despídese dunha crianza asasinada en Gaza, a terza feira. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)

“A ocupación [israelí] practica unha política de fame para lograr beneficios políticos”, criticou a terza feira Ismail al Thawabta, director xeral da Oficina de Comunicación do Executivo de Gaza, controlado por Hamás, revelando que hai arredor de 50 días que non entra axuda humanitaria en Gaza.

En paralelo, a Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos ratificou que máis da metade das 2,3 millóns de persoas que viven no enclave palestino non contan con alimentos almacenados. Á vez, máis de 20% da poboación pasa días enteiros sen comer.

Ademais, segundo o sistema de seguimento da fame da ONU como mínimo 495.000 palestinas e palestinos están no nivel máis alto de desnutrición e afrontan “unha inseguridade alimentaria catastrófica”.

Na vaga de ataques da terza feira o réxime de apartheid sionista volveu apuntar contra a familia do líder de Hamás, Ismail Haniyeh, matando a súa irmá e outros nove familiares. Desde outubro, 37.658 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza, arredor de 40% crianzas.

Comentarios