Goberno sufoca amago de levantamento militar en Venezuela 

Un reducido grupo de militares e civís armados, dirixidos por un capitán retirado da Garda Nacional, escenificaron a primeira hora da mañá un conato de insurrección na cidade de Valencia. O goberno asegura manter o control e oito persoas foron detidas, cinco delas civís. Producíronse dúas mortes durante o asalto. Non se rexistrou ningún outro incidente no país.

venezuela01
photo_camera Imaxes: @madeleintlSUR

Ás 7 da mañá deste domingo (13 horas en Galiza), unha vintena de persoas armadas e uniformadas accederon á área de prevención do Forte Paramacay, na cidade de Valencia, a segunda urbe de Venezuela. A información foi revelada polo deputado da Asemblea Nacional Constituínte, Diosdado Cabello, a través da rede social Twitter. Cabello cualificou a acción de ataque terrorista contra a Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) e informou de que o mesmo foi “totalmente controlado”. Aliás, o vicepresidente do PSUV aseguraba na mesma rede social que había “absoluta normalidade” nas restantes unidades militares, desbotando a posibilidade dun levantamento militar. No desenlace do asalto foron detidas, polo momento, oito persoas, entre elas cinco civís e dúas persoas resultaron mortas.

VÍDEO DIFUNDIDO POLOS ASALTANTES

VÍDEO DESDE O FORTE ASALTADO CONFIRMANDO QUE FICA BAIXO CONTROL DO GOBERNO

O amago de levantamento tería sido comandado, segundo diversas informacións, polo ex Capitán da Garda Nacional, Juan Caguaripano, que foi dado de baixa do corpo militar no ano 2014. Caguaripano significouse publicamente a través dun vídeo no que chamaba a unha sublevación contra o goberno constitucional de Nicolás Maduro. Nun vídeo que foi difundido polos “golpistas”, estes aseguraban declararse “en lexítima rebeldía, unidos hoxe máis que nunca co bravo pobo de Venezuela para descoñecer a tiranía asasina de Nicolás Maduro”. 

Baixo control

Desde o goberno o ministro de Defensa, Vladimir Padrino López, rexeitou a acción declarando que “non puideron coa FANB, coa súa moral nin coa súa conciencia constitucional; agora pretenden agredila con ataques terroristas. Non poderán”.  O ministro de Comunicacións e Información, Ernesto Villegas, acrecentou pola súa banda que “para o goberno bolivariano trátase de ataques de carácter terrorista, enmarcados na ofensiva insurreccional adiantada por factores extremistas da dereita venezuelana, co apoio de gobernos e poderes estranxeiros”. 

VOANDEIRA

Captura da voandeira que se tería repartido xustificando a insurrección militar

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O exército reitera o seu apoio ao goberno constitucional

A través dun comunicado do alto mando, a Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), reiterou o seu compromiso co sistema democrático e o seu marco constitucional. A FANB rexeitou o asalto ao Forte Maracay, que cualificou como "ataque terrorista de tipo paramilitar" perpetrado por un "grupo de delincuentes civís portando prendas militares e un primeiro tenente en situación de deserción".

Para o alto mando do exército venezuelano o ataque "non é máis que un show propagandístico, unha entelequia, un paso desesperado que fai parte dos plans desestabilizadores e a conxura continuada que se vén xestando, para tentar evitar que se consolide o renacemento da nosa república".

O documento, que foi transmitido por Venezolana de Televisión, conclúe afirmando que "a FANB permanece incólume, unida monoliticamente, aferrada ás súas conviccións democráticas, coa moral en alto, apoiando de maneira incondicional o cidadá Nicolás Maduro Moros, presidente constitucional da República Bolivariana de  Venezuela e o noso comandante en xefe, así como a súa iniciativa constituínte e á revolución bolivariana como proxecto que persegue a consolidación da patria libre, soberana e independente".

>>Información actualizada ás 19:51h.

Comentarios