Di que Espinar "actuou eticamente"

Iglesias atribúe o caso Espinar a manobras de "grupos de poder" para favorecer a Errejón en Madrid

O caso Espinar é unha invención de PRISA e está a ser utilizado por "grupos de poder" para procurar debilitar a lideranza de Pablo Iglesias e favorecer que na batalla pola secretaría xeral de Madrid se impoña a "facción" de Errejón. Así o ve o secretario xeral de Podemos.

Pablo Iglesias_Podemos

Iglesias enfurecido. Iglesias desatado. Tanto que ve no caso Espinar -o portavoz de Podemos no Senado obtivo na súa época de estudante universitario unha plusvalía de 30 mil euros brutos após vender unha vivenda protexida- un ataque orquestrado por "grupos de poder" contra a súa lideranza como secretario xeral de Podemos.

O que procurarían eses "grupos de poder" -que estarían a utilizar como portavións mediático a PRISA, a editora de El País e dona da SER- sería influír no debate interno aberto na organización quer a nível estatal que na comunidade de Madrid para "que gañen uns e non outros".

"Creo que hai un debate de ideas en Podemos, creo que todas esas ideas son lexítimas e que hai intereses de grupos de poder que se posiciona en función de que ideas e sectores en Podemos lles conveñen máis", afirmou.

Dito doutro xeito, Iglesias vén dicer que os "grupos de poder" toman partido interno e apostan nas teses de Íñigo Errejón no taboleiro estatal e na candidatura de Rita Maestre, a confrontada con Ramón Espinar, no campo de xogo madrileño.

O líder de Podemos denuncia o que considera "un claro intento de inxerencia".

Iglesias opina que Espinar  "non só deu explicacións sobradamente, senón que actuou eticamente"

O encerramento de filas de Iglesias co seu home en Madrid, Ramón Espinar, non ten fendas. Afirma que "non só deu explicacións sobradamente, senón que actuou eticamente". "Atácano", alega, "porque o identifican como o meu candidato".

En declaracións á imprensa, Iglesias tivo tamén palabras durísimas para Cayo Lara. O ex coordenador de IU criticou esta cuarta feira a actuación de Ramón Espinar co argumento de que "especular é especular", faga quen o faga. O líder de Podemos ve nestas declaracións de Lara a súa "miseria moral" e atribúeas ao seu "rancor" por ter perdido a batalla interna dentro da formación que agora lidera Alberto Garzón.

Comentarios