Israel, disposto a estender durante anos a agresión militar contra Gaza

O réxime de apartheid sionista desafía a comunidade internacional grazas ao apoio estadounidense e reitera que non freará o ataque á Faixa de Gaza a pesar da orde xudicial do tribunal da ONU ou da petición dunha orde de arresto contra Benjamin Netanyahu.
O corpo dun palestino asasinado nun ataque aéreo israelí ao chegar ao hospital al Aqsa, no centro da Faixa de Gaza, a cuarta feira. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera O corpo dun palestino asasinado nun ataque aéreo israelí ao chegar ao hospital al Aqsa, no centro da Faixa de Gaza, a cuarta feira. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)

Poucas horas despois de que os Estados Unidos ratificaran o seu aval ao ataque israelí a Rafah, no sur da Faixa de Gaza, insistindo en que non cruzou as súas supostas liñas vermellas, Tzaji Hanegbi, asesor de Seguridade Nacional israelí, sinalou a cuarta feira que “temos outros sete meses de loita” para alcanzar a “destrución das capacidades gobernamentais e militares de Hamás”. En paralelo, deixou entrever que permanecerán na cidade, fronteiriza con Exipto, para colaborar co Cairo á hora de mitigar o “contrabando de armas”, subliñando que “debemos fechar a fronteira entre Exipto e Gaza”.

O membro do Gabinete de guerra israelí Gadi Eisenkot foi máis alá e defendeu que precisarán “de tres a cinco anos para lograr unha estabilización significativa” do enclave, e “moitos máis” para que se desenvolva un novo Goberno gazatí. “Quen diga que disolveremos algúns batallóns en Rafah e logo devolveremos os secuestrados está a sementar unha falsa ilusión”, resolveu.

As declaracións confirman a negativa do Goberno de ultradereita israelí a cumprir a orde da Corte Internacional de Xustiza (CIX), o principal órgano xudicial da Organización das Nacións Unidas (ONU), que sentenciou a finais da pasada semana que Israel debía paralizar inmediatamente o asalto a Rafah.

Máis dun millón das 1,7 millóns de persoas desprazadas que chegou a acoller a cidade pola invasión israelí da Faixa e os bombardeos indiscriminados contra a poboación civil víronse obrigadas a fuxir tras o comezo do ataque o 7 de maio, após aceptar Hamás unha proposta de alto o fogo que poría fin á agresión militar.

Israel xustificou o ataque asegurando que as persoas israelís detidas na operación da resistencia palestina do 7 de outubro están en Rafah, así como que alí operaban os catro últimos batallóns de Hamás. Con todo, a primeira afirmación xa foi utilizada cando Khan Younis foi atacada até ser devastada sen que o réxime de apartheid puidera liberar ningunha, e a segunda revelouse como falsa en Jabalia, no norte de Gaza. O estadounidense Instituto para o Estudo da Guerra indicou que, no contexto dun novo ataque á zona, onde se sitúa un campo de refuxiados, as tropas israelís se decataron de que tres batallóns de Hamás estaban a combatelas, após repetir o Executivo que fora desmantelada.

En Rafah, os soldados sionistas avanzaron a través do corredor Filadelfia, o nome que recibe a faixa de terra que percorre a fronteira entre Gaza e Exipto, controlando 75% da área, sostén Hanegbi, e o Exército israelí estima que dominan entre 30% e 40% da cidade, despois de confirmarse que os seus tanques alcanzaron o centro, onde os seus francotiradores comezaron a disparar a calquera cousa en movemento, afirmou unha testemuña á canle BBC. Máis de 600 soldados sionistas morreron desde outubro do pasado ano.

Todo isto entre bombardeos ao longo do enclave palestino nas últimas xornadas. Un deles tivo como obxectivo un campo de tendas de campaña ao oeste de Rafah, nunha zona que Israel definira como segura, e que chega despois do masacre noutro campo de tendas, no que un bombardeo causou un incendio, matando medio centenar de persoas. Neste último ataque, as canles CNN e Al Jazeera corroboraron que se utilizou unha bomba GBU-39, fabricada pola empresa estadounidense Boeing.

En risco o último hospital de Rafah

O Fondo da ONU para a Infancia (Unicef), denunciou que o ataque a Rafah, “unha cidade de nenos”, puxo en risco a vida de 600.000 crianzas, moitas das que están desnutridas. Amais da fame masiva que se está a espallar e da falta de auga ou instalacións de hixiene nos lugares nos que se están a concentrar as persoas que escapan de Rafah, se o ataque israelí prosegue “perderíamos o último hospital” da urbe, alertou Richard Peeperkorn, representante para Palestina da Organización Mundial da Saúde (OMS), pois o ataque israelí xa forzou o feche do hospital de Kuwait e do Abu Youssed Al Najar, así como a clausura de tres hospitais de campaña.

A toma israelí do cruce fronteirizo de Rafah tivo un impacto directo na capacidade para levar subministracións médicas a Gaza, detallou, pois “case 100%” chegaba por esa vía, da mesma forma que a maioría da axuda humanitaria. Ao respecto, Majed Abu Ramadan, ministro de Saúde palestino, fixo fincapé en que “non temos indicios de que aos israelís lles gustaría que se abrise pronto”.

Alxeria presentou unha resolución no Consello de Seguridade da ONU para ordenar a Israel deter o seu ataque a Rafah. Porén, o éxito da votación depende de Washington, que xa vetou varias propostas para unha tregua anteriormente.

O renovado apoio do presidente estadounidense, Joe Biden, a Israel, incluso logo de que o réxime de apartheid sionista ignorara a súa ameaza de limitar as entregas de armas no caso de asaltar Rafah, chega despois de abrirse unha fenda polo apoio aos sionistas na Unión Europea (UE) pola orde da CIX e a petición da Fiscalía da Corte Penal Internacional (CPI) dunha orde de arresto contra o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, por crimes contra a humanidade.

Os sionistas buscan dividir Gaza como Cisxordania

Omar Ashour, docente no Instituto de Estudos de Posgrao de Doha, debullou que a estratexia israelí consiste en dividir Gaza en pequenos focos sen conexión entre si, como fixo en Cisxordania, para o que xa creou un corredor que separa o norte do sur do enclave e traballa nunha zona de amortecemento no que Israel considera a súa fronteira con Gaza.

Tamén prevé unha división que separe o leste do oeste da Faixa, zonas que usaría como bases para lanzar ofensivas regulares contra Gaza. O certo é que o Executivo ultradereitista sionista está enfrontado internamente pola falta dun plan de posguerra, do que Benny Gantz, membro do Gabinete de guerra, responsabilizou Netanyahu, que tamén bloqueou as negociacións de paz, criticando que hai dirixentes motivados por criterios “persoais e políticos”.

Entrementres, o xornal The Guardian desvelou que durante nove anos Israel espiou, presionou, difamou e ameazou altos cargos da CPI para evitar unha causa polas súas accións contra o pobo palestino, o que non evitou que a daquela fiscal xefe, Fatou Bensouda, abrira unha investigación en 2021, no marco da que se pediu a orde de detención contra Netanyahu. Por este motivo e mailas investigacións pola invasión de Afganistán, Bensouda foi sancionada por Washington.

Comentarios