O Exército israelí toma o lado palestino de Rafah e acrecenta a crise humanitaria: "Están condenando Gaza a morte"

Unhas 18 persoas morreron nas últimas horas polos bombardeos. A "continuada interrupción" da entrada de axuda humanitaria agravará a xa de por si "catastrófica fame" que se padece no enclave.
Columnas de fume sobre Rafah, esta terza feira. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA vía Europa Press)
photo_camera Columnas de fume sobre Rafah, esta terza feira. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA vía Europa Press)

Após varias semanas ameazando con lanzar unha forte ofensiva sobre a cidade de Rafah, o Exército de Israel confirmou esta terza feira a toma da parte palestina deste paso fronteirizo que conecta Gaza con Exipto e que constitúe a principal vía de entrada de axuda humanitaria na Faixa. Alí refúxianse nestes momentos perto de 1,4 millóns de palestinos e palestinas.

Segundo apuntaron as Forzas Armadas nun comunicado, a operación concéntrase en "zonas limitadas" no leste de Rafah e os obxectivos son "infraestruturas de Hamás", se ben os bombardeos israelíes deixaron xa un mínimo de 18 mortes que Israel atribuíu a "terroristas".

As autoridades israelíes chamaran esta segunda feira a poboación residente nos barrios orientais de Rafah a abandonaren a zona ante a inminente ofensiva militar, no medio de numerosas advertencias a nivel internacional do impacto que tería a nivel humano este ataque.

Como consecuencia dos ataques, o tráfico de pasaxeiros e a entrada de axuda humanitaria ficaron en suspenso. O portavoz da Autoridade de Cruces e Fronteiras de Gaza denunciou que Israel está a "condenar a morte" a cidadanía palestina por bloquear o paso de Rafah, que se suma ao de Kerem Shalom.

Tamén desde a ONU censuran que a "continuada interrupción" da entrada de axuda humanitaria agravará a xa de por si "catastrófica fame" que se padece no enclave. "A situación empeorará aínda máis", advertiu a UNRWA.

Esta segunda feira o líder de Hamás, Ismail Haniyeh, comunicou a Qatar e Exipto que aceptaba a súa proposta para un cesamento das hostilidades na Faixa. O principal conflito arredor do alto o fogo era o tocante á fin da agresión militar israelí contra Gaza, unha exixencia para Hamás e algo inaceptábel para Israel, que subliñou que a guerra continuará sexa como for.

Comentarios