Militares alemáns aterran mañá en Lisboa para axudar no combate contra a Covid-19

Portugal rexistrou hoxe unha lixeira caída de contaxios e falecementos, con cifras mínimas en oito días de falecementos e a máis baixa de novos positivos nun mes.
EuropaPress_3541901_frontera_puente_internacional_tui-valenca_cortada_paso_pontevedra_galicia
photo_camera Control na fronteira galaico-portuguesa, entre Tui e Valença (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

Un equipo de 26 profesionais sanitarios do Exército de Alemaña especializados en coidados intensivos ─con equipamento e material que inclúe camas hospitalarias, ventiladores e bombas de infusión de xeringa-, aterrará mañá ás 13 horas no aeroporto de Figo Maduro de Lisboa. Será esta a primeira axuda internacional que Portugal reciba para combater a Covid-19, segundo confirmou a ministra de Defensa alemá, Annegret Kramp-Karrenbauer, as forzas armadas do país xermano no Twitter, e tamén os ministérios da Defesa e da Saúde portugueses a través dun comunicado conxunto.

"Na sequência de diversos contactos bilaterais, Portugal aceitou a proposta de colaboração do Governo alemão para reforço da resposta à Covid-19", recolle a comunicación. O equipo, composto por oito médicos e 18 enfermeiros, chegará encabezado polo xefe do Estado Maior do ramo médico, segundo informou o xornal portugués Público. A misión estenderase durante tres semanas, en principio, dependendo da evolución da epidemia da Covid no país. Nese caso, está previsto que sexan substituídos cada 21 días até finais de marzo.

Tamén Austria anunciou na fin de semana que acollería doentes portugueses nas súas unidades de coidados intensivos, mais aínda non se concretou nin cantos nin cando comezará a recibilos. E España manifestou a súa dispoñibilidade para axudar paliando a falta a de medios nos hospitais lusos, e estuda en que "modalidades" podería prestar ese apoio.

Ademais, a Comisión Europea mostrouse "disposta para axudar" o Goberno portugués. O bloque comunitario ten mecanismos que permitirían, por exemplo, costear o desprazamento de sanitarios ou o traslado de pacientes entre Estados membros.

Mínimas en oito días

Confinado e coas fronteiras restrinxidas, Portugal continúa o combate coa terceira vaga, que onte deixou unha lixeira caída de contaxios e mortes. En total foron 5.540 infeccións, a cifra máis baixa en case un mes, en tanto que os falecementos foron 260, o mínimo dos últimos oito días.

En total, desde que estalou a pandemia, Portugal suma 731.861 positivos, dos que case 167.000 están activos. Ademais acumula 13.017 pasamentos.

Os datos da Direcção-Geral da Saúde (DGS) tamén reflectiron unha leve mellora nos hospitais, que na segunda feira tocaron un máximo de ingresados de toda a pandemia. Onte había 6.775 pacientes internados, 94 menos que a véspera. A caída tamén se rexistrou nas unidades de coidados intensivos, con 852 enfermos (13 menos que un día antes).

Comentarios