A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, avanzou esta terza feira que a ministra de Defensa, Margarita Robles, solicitou a súa comparecencia no Congreso para explicar aos líderes independentistas o caso de espionaxe a través do sistema Pegasus que denunciou na segunda feira o semanario The New Yorker, con base nun informe de Citizen Lab.
Así o indicou Rodríguez durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras, na que precisou que no Estado español non se espían nin se escoitan as comunicacións "salvo que estea ao amparo da lei e do dereito". Neste senso, lembrou que xa houbo dilixencias xudiciais abertas e que o Goberno sempre colaborou coa Xustiza.
"Non se poden limitar aquí os dereitos e liberdades individuais se non está ao amparo da lei e cunha resolución xudicial motivada", subliñou ao tempo que insistiu en que a información non é nova e que "o Goberno non ten nada a ver nin ten nada que ocultar".
Pola súa parte, o eurodeputado e ex president da Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont, e o ex vicepresidente e líder de ERC, Oriol Junqueras, anunciaron esta terza feira no Parlamento europeo que adoptarán "accións xudiciais en España, Francia, Suíza, Luxemburgo e Alemaña" polo caso de espionaxe.
Nunha rolda de prensa decorrida en Bruxelas, Puigdemont avanzou que presentarán demandas nos próximos días contra os responsábeis, a comezar pola empresa tecnolóxica NSO, nos xulgados de Barcelona, mais tamén perante os tribunais doutros países da Unión Europea (UE) onde tamén se produciron os supostos ciberataques, no caso dos estados antes citados.
Aliás, pediu á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que "actúe con urxencia" e responsabilice España do uso do programa Pegasus contra rivais políticos, o que supón unha "vulneración en masa de dereitos fundamentais".
"[O Goberno español] Ten a obriga de explicalo non só no Congreso e no Senado, senón tamén noutros ámbitos institucionais, tamén no Parlamento europeo", engadiu Junqueras.