Pedro Sánchez chega a Kíiv para reunirse con Volodimir Zelenski

O presidente do Goberno español manterá unha reunión de traballo co seu homólogo ucraíno e visitará Borodianka, unha das vilas máis afectadas pola guerra de Ucraína.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, xunto coa primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen. (Foto: Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, xunto coa primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen. (Foto: Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa / Europa Press)

Acompañado da primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, chegou na mañá desta quinta feira á estación de tren de Kíiv, en Ucraína, para reunirse co seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski.

Sánchez e Frederiksen entraron no país, que segue en guerra, vía ferrocarril, ante a imposibilidade de acceder en avión polo peche do espazo aéreo ucraíno desde o pasado 25 de febreiro, día no que comezou a ofensiva militar rusa en Ucraína.

Nada máis chegar a Kíiv, Sánchez difundiu un vídeo nas súas redes sociais, no que subliña a admiración que sente por Zelenski e o pobo ucraíno, dos que destaca a súa "valentía".

"É unha guerra cruel, inxusta e ilegal que condenamos. Imos facer todo o que estea nas nosas mans para garantir a paz canto antes"

Os dirixentes español, danés e ucraíno manterán un encontro de traballo durante toda a mañá e darán posteriormente declaracións aos medios. Xa pola tarde, visitarán Borodianka, unha vila próxima á capital de Ucraína, na que as autoridades locais denuncian presuntos crimes de guerra por parte dos soldados rusos.

"Compromiso" do Estado español con Ucraína

Na pasada terza feira, o presidente do Executivo estatal afirmou que tiña pensado trasladar a Zelenski o "compromiso" do Estado español e do conxunto da Unión Europea (UE) con Ucraína.

A visita de Sánchez ocorre pouco despois de que o Goberno anunciase a súa intención de reabrir a Embaixada española en Kíiv nas vindeiras semanas.

"É unha guerra cruel, inxusta e ilegal que condenamos. Imos facer todo o que estea nas nosas mans para garantir a paz canto antes", manifestou o presidente español.

Comentarios