As protestas percorren Paquistán polo intento de arresto de Imran Khan

Seguidores do ex primeiro ministro tratan de frear a detención.
Mensaxe televisada de Imran Khan aos seus seguidores en Lahore. (Foto: Zuma Press)
photo_camera Mensaxe televisada de Imran Khan aos seus seguidores en Lahore. (Foto: Zuma Press)

Na tarde desta terza feira a Policía do Paquistán despregou unha operación para deter o ex primeiro ministro Imran Khan en Lahore despois de que un tribunal de Islamabad emitira unha orde de arresto pola suposta venda de agasallos de Estado. Centos de partidarios de Khan, destituído polo lexislativo en 2022 nunha manobra da que acusa Washington polo seu achegamento a Beijing e Moscova, mobilizáronse rapidamente para custodiar a súa vivenda e evitar a detención.

Esta situación derivou en enfrontamentos coas forzas de seguridade, que foron culpadas de reprimir os manifestantes, aínda así, á hora de feche desta edición non foran quen de arrestar o ex primeiro ministro, polo que chamaron forzas paramilitares para apoiar o operativo e bloquearon as comunicacións, impedindo as emisións que estaban a desenvolver as televisións locais.

Mentres comezaban mobilizacións masivas en múltiples cidades do país para denunciar o intento de detención, Khan reclamou aos seus seguidores que "se me pasa algo, se me mandan ao cárcere ou me matan, tes que demostrar que tamén podes loitar sen min".

Asemade, salientou que a detención "busca sacarme da contenda electoral" -prevista este ano- ao fío do apoio maioritario que amosan os traballos demoscópicos.

O Goberno ratificou a súa intención de arrestar a Khan polo mandato xudicial, a pesar de que a orde de arresto ten como data límite o 18 de marzo. O analista político de Dawn, Arif Noor, explicou que o Gabinete quere controlar os movementos de Khan e mantelo distraído coas causas xudiciais, "se ves a historia de Paquistán isto acontece cada vez que un líder está en conflito co poder".

Comentarios