Eleccións catalás

O PSC afirma que non investirá Puigdemont aínda que "ameace con bloquear a gobernabilidade" no Estado español

Parlon anunciou que o PSC constituíu unha comisión negociadora para iniciar as negociacións co resto de formacións políticas, excepto con Vox e Aliança Catalana.
Reunión da Comisión Executiva do PSC, esta segunda feira (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera Reunión da Comisión Executiva do PSC, esta segunda feira (Foto: David Zorrakino / Europa Press).

A portavoz do PSC, Núria Parlon, afirmou que a formación socialista non apoiará a investidura do candidato de Junts, Carles Puigdemont, aínda que "ameace con bloquear a gobernabilidade" no Estado español, onde Pedro Sánchez lidera o Executivo.

Así o dixo nunha rolda de prensa esta segunda feira na sede do partido tras a reunión da Comisión Executiva do PSC, na que instou Puigdemont a "aceptar o principio de realidade" respecto á vitoria en votos e escanos que obtivo a formación socialista nas eleccións deste domingo.

Así mesmo, Parlon anunciou que o PSC constituíu unha comisión negociadora encabezada pola viceprimeira secretaria do PSC e directora de campaña, Lluïsa Moret; o responsábel de Organización e Acción electoral, José Luís Gimeno; o secretario de Política Municipal, Joaquín Fernández; a dúas por Barcelona, Alícia Romero; o cinco, Ferran Pedret, e o secretario de Programas do PSC, Javier Villamayor, para iniciar as negociacións co resto de formacións políticas, excepto con Vox e Aliança Catalana.

Petición de apoio a ERC

Parlon expresou o respecto do PSC pola decisión do presidente da Generalitat en funcións, Pere Aragonès, de non recoller a súa acta de deputado e deixar a primeira liña política tras os malos resultados de ERC nas eleccións, e pediu á formación republicana non bloquear a posibilidade de conformar un Govern baixo a Presidencia de Salvador Illa.

"Gustaríanos que, aínda que eles decidisen que estarán na oposición, non bloqueen a posibilidade de que o PSC goberne en Catalunya igual que nós non bloqueamos cando estaban en minoría", sostivo.

Parlon afirmou que o PSC non bloqueou desde a oposición "a posibilidade de avanzar e garantir a gobernabilidade" do Govern en minoría de ERC tras a saída de Junts do Executivo catalán como, por exemplo, apoiando os Orzamentos da Generalitat antes da convocatoria de eleccións anticipadas.

"A nosa oposición desde o Parlament foi seria e sempre de man tendida. Traballamos para construír un alternativa mais, á vez, estivemos sempre perto para poder tecer aquelas pontes necesarias", engadiu. Finalmente, expresou "todo o recoñecemento cara á figura de Pere Aragonès" polos anos nos que estivo á fronte do Govern da Generalitat.

Comentarios