Eleccións catalás

Puigdemont abre contactos con ERC e anuncia a súa intención de presentarse á investidura

"Cremos que hai opcións de poder ir á investidura", subliñou Puigdemont, que pediu evitar o escenario dunha repetición electoral.
Carles Puigdemont (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press).
photo_camera Carles Puigdemont, esta segunda feira (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press).

O candidato de Junts ás eleccións ao Parlament de Catalunya, Carles Puigdemont, xa abriu os primeiros contactos con ERC e anunciou a súa intención de presentar a súa candidatura á presidencia da Generalitat de Catalunya no debate de investidura. "Cremos que hai opcións de poder ir á investidura", subliñou Puigdemont, que pediu evitar o escenario dunha repetición electoral.

En rolda de prensa en Argelès-sur-Mer (Catalunya Nord, actualmente no Estado francés), explicou que empezaron os primeiros contactos coa formación republicana, sen precisar cal foi a súa resposta, mais engadiu que aínda están "lonxe de estabelecer un marco negociador, se hai posibilidades de facelo".

Un Govern liderado por Puigdemont non só precisa do apoio de ERC, senón tamén dunha abstención do PSC. Pola súa parte, o candidato socialista, Salvador Illa, anunciou este domingo a súa intención de optar á investidura no Parlament, polo que a Presidencia do líder de Junts é un asunto difícil, como el mesmo recoñece.

"Hai opcións de poder ir á investidura e, por tanto, anuncio a miña intención de presentar a miña candidatura á Presidencia da Generalitat no debate de investidura", anunciou o líder de Junts. "Podemos artellar unha maioría máis ampla que a que podería sumar o candidato do PSC", explicou.

"Poderemos agrupar unha maioría coherente. Temos potencialmente máis opcións de ser investidos en segunda volta se facemos un Govern de coherencia soberanista, mentres que as opcións de investidura do PSC pasarían necesariamente polo PP. Teriamos que preguntar se o acordo de non aceptar os votos por acción ou omisión da ultradereita [en referencia a VOX] segue sendo vixente", argumentou Puigdemont.

"Xa dixemos que se o PSC abrazaba o Partido Popular no Govern de Catalunya, como fixo co Concello de Barcelona, isto deixaría sen sentido o acordo que temos co PSOE a Madrid. Non imaxino o PSC boicoteando os acordos aos que se chegaron co PSOE en Suíza", afirmou Carles Puigdemont.

"Temos que dotar Catalunya dun Govern que faga funcionar o país e que teña condicións de continuar facéndoo fronte a Madrid. E tamén temos que conseguir aforrar a repetición electoral. A nós axudaríanos a superar moitas dificultades, mais sería unha moi mala noticia para Catalunya", concluíu.

Comentarios