O PSOE cede e acepta as condicións do PP para renovar o Poder Xudicial tras máis de cinco anos co mandato caducado

Cada formación selecciona 10 das 20 novas vogais.
Félix Bolaños (PSOE), a terza feira. (Foto: Comisión Europea)
photo_camera Félix Bolaños (PSOE), a terza feira. (Foto: Comisión Europea)

Finalmente, após cinco anos e medio caducado, un tempo superior ao do mandato asignado nun primeiro momento, PSOE e Partido Popular (PP) asinaron a terza feira a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), un acordo no que a forza principal do Goberno español de coalición con Sumar non tivo en conta ao resto de formacións con representación como as soberanistas, que viabilizan o Executivo liderado por Pedro Sánchez (PSOE).

Para rubricar o acordo, que chega logo dun ultimato de Sánchez e do bloqueo reiterado dos conservadores á remuda, o que lles permitía manter o control do órgano, o PSOE concedeu unha das principais exixencias do PP, a aprobación simultánea en xullo dunha reforma da lexislación que regula o Poder Xudicial.

A iniciativa encargará ao novo Consello o deseño dun novo método de elección das e dos vogais do órgano, cunha mención á “participación directa” e a que a maxistratura poida elixir a súa representación no CXPX, detallou o PP, todo isto baseado nas recomendacións da “Comisión Europea no seu informe sobre o Estado de Dereito relativo a España de 2022 e 2023”.

Tamén inclúe un período de dous anos para as e os xuíces que volvan á carreira xudicial despois de ser elixidos para cargos públicos ou designados para cargos políticos de confianza.

A pesar de que o lexislativo español optou por un Goberno progresista, isto non se verá reflectido no Poder Xudicial como aconteceu na última renovación, a de 2013, cando o PP contaba con maioría absoluta no Congreso, pois o entendemento, rubricado en Bruxelas por Félix Bolaños, ministro de Xustiza e Presidencia, e o vicesecretario de Institucional do PP, Esteban González Pons, en presenza da vicepresidenta da Comisión Europea, Vera Jourová, recolle que cada unha das formacións elixa 10 das 20 vogais do CXPX, cuxos nomes xa foron anunciados, entre eles o de José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo da Galiza.

Amais, o pacto indica que se precisará unha “maioría reforzada” de tres quintos para a toma de decisións e os nomeamentos. En paralelo, o PP proporá un nome para a última vacante no Tribunal Constitucional.

Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) asegurou que “o PSOE elixiu novo socio”, e o Partido Nacionalista Vasco (PNV) adiantou que non apoiará as candidaturas pactadas, apuntando que “sorprende” tras ver o acordo como “tardaron tanto” en fechalo.

Entrementres, Sumar celebrou o pacto e sostivo que acordou co PSOE algúns dos nomes.

Comentarios