Puigdemont ábrese á hipótese de “negociar” con Madrid a pergunta do referendo

En setembro de 2017 está axendado un novo referendo en Catalunya que, de vencer a opción independentista, abriría a billa para unhas eleccións constituíntes ao Parlament á altura de marzo de 2018. Esa é a nova folla de rota soberanista. Puigdemont, de visita en Madrid, non exclúe que o roteiro se poda negociar con Madrid.

puigdemont
photo_camera puigdemont

O primeiro presidente da Generalitat investido cun programa inequivocamente independentista, Carles Puidgmont, está esta segunda feira en Madrid onde, após oferecer unha palestra nun foro de Europa Press, manterá unha entrevista co secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias.

Puigdemont tendeu pontes ao diálogo co goberno español e abriuse no plano teórico á hipótese de negociar a “pergunta” do referendo axendado pola Generalitat para setembro de 2017.

É un aceno máis retórico do que práctico, sendo que o bloco independentista catalán é plenamente consciente de que non existe nengunha posibilidade de achar interlocutor na Moncloa mentres no palacio morar Mariano Rajoy, mais Puigdemont tenciona fixar a imaxe de que as forzas soberanistas si son capaces de se sentar nunha mesa de negociación.

Non é casual que a oferta ao diálogo con Madrid se produza antes do seu encontro con Pablo Iglesias, o líder de Podemos. A marca da formación morada no Principat, Catalunya sí que es Pot, continúa sen apoiar o referendo unilateral de setembro de 2017 -imposíbel que non sexa unilateral en tanto Rajoy non abandonar a Moncloa- mais nas últimas datas é perceptíbel un desxeo nas súas relacións con Junts pel Sí.

“Pido que xoguen o partido”, afirmou Puigdemont no foro de Europa Press en alusión ao seu convite ao Goberno español a que se aveña a falar coa Generalitat do referendo, mais “teñen que aceitar a hipótese de Catalunya ser independente, non podemos renunciar a selo”, concluíu.

Comentarios