Rusia advirte da "actitude de vaqueiro" dos EUA mentres os países occidentais abandonan Kiev en desbandada

A Casa Branca afirma que o Kremlin podería dar a orde de invadir o país veciño "calquera día desde o pasado domingo" e envía máis armamento ao Exército ucraíno. Aliás, Moscova denunciou esta fin de semana a presenza dun submarino estadounidense nas súas augas.
Manobras militares do Exército da OTAN na República Checa (Foto: Vladimír Pryèek / CTK / DPA).
photo_camera Manobras militares do Exército da OTAN na República Checa (Foto: Vladimír Pryèek / CTK / DPA).

O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, acusou esta segunda feira os Estados Unidos de actuar cunha "actitude de vaqueiro" cara aos países da Unión Europea (UE), ao tempo que manifestou a súa vontade de que "se impoña o sentido común".

"Aos estadounidenses nunca lles faltou entrega, até diría actitude de vaqueiro, cando tratan de influír nos seus socios europeos. Din sen rodeos quen debería facer que cousa, e se alguén non está de acordo, advirten abertamente das consecuencias", afirmou, en declaracións á axencia rusa Sputnik.

No que atinxe ás políticas de desarmamento, Peskov apuntou: "As cousas non están moi ben e é evidente que nos esperan longos anos de negociación desde unhas posicións encontradas, con resultados incertos". Cómpre lembrar, así mesmo, que esta fin de semana Moscova denunciou a presenza dun submarino estadounidense nas súas augas.

Desbandada nas embaixadas de Kiev

En medio desta crecente tensión, os países occidentais seguen a instar cadanseus cidadáns e cidadás a abandonaren Ucraína "temporalmente", como é o caso do Estado español, que fixo este anuncio o pasado sábado e avanzou que xa está "preparado" o dispositivo de evacuación no caso de que for preciso activalo.

Aliás, algúns países como os EUA, Australia, Xapón ou Canadá ordenaron evacuar as súas respectivas embaixadas en Kiev para, en boa parte dos casos, desprazalas á cidade de Leópolis, ao oeste do país, para seguiren operando desde alá. E varias aerolíneas, como a holandesa KLM, suspenderon xa os seus voos á capital.

Este mesmo domingo, noutra orde, o Goberno estadounidense enviou un novo cargamento de material militar ao Exército ucraíno após afirmar o asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca, Jake Sullivan, que as tropas rusas poderían invadir o país veciño "calquera día desde hoxe [polo domingo]", algo que Rusia segue a desmentir mentres chama ao "diálogo" sobre "garantías de seguridade" ante a "expansión cara ao leste da OTAN".

Tamén o domingo, o presidente dos EUA, Joe Biden, mantivo un encontro co seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski, no que o estadounidense reiterou o seu compromiso "coa soberanía e a integridade territorial de Ucraína" e incidiu na "importancia de continuar coa suma de diplomacia e disuasión", segundo un comunicado da Casa Branca.

E esta semana prodúcese unha nova rolda de contactos. Esta segunda feira reunirase co Goberno ucraíno o chanceler alemán, Olaf Scholz, que ten prevista outra xuntanza esta terza no Kremlin.

Comentarios