A denuncia por un submarino estadounidense en augas rusas acende todas as alarmas

Rusia denuncia que un submarino nuclear da Armada dos Estados Unidos entrou nas súas augas territoriais, mentres que os estadounidenses negan as acusacións.
Un submarino de clase Virxinia, da mesma serie que o que foi denunciado por Rusia por entrar nas súas augas territoriais. (Foto: US Navy)
photo_camera Un submarino de clase Virxinia, da mesma serie que o que foi denunciado por Rusia por entrar nas súas augas territoriais. (Foto: US Navy)

A tensión entre a Federación Rusa e os Estados Unidos (EUA), con Ucraína polo medio, viviu esta fin de semana un episodio con potencial para unha rápida escalada do conflito, coa denuncia do Ministerio de Defensa eslavo de que un submarino da Armada estadounidense entrara en augas territoriais rusas.

O submarino de clase Virxinia, unha serie de máquinas nucleares orientadas ao ataque, foi detectado o sábado na área da illa de Urup, no arquipélago das Kuriles, no límite entre o mar de Okhotsk e a zona norte do océano Pacífico.

Unha vez detectado, o Exército ruso comunicou que transmitiu unha mensaxe en ruso e inglés indicando que se atopaba en augas territoriais e exixindo que saíra á superficie.

Após “ignorar” a demanda, Rusia empregou “os medios apropiados” e o submarino estadounidense tería abandonado as “augas territoriais de Rusia a máxima velocidade”, transmitiu o Ministerio de Defensa.

Pouco despois, o Kremlin convocou o agregado militar da Embaixada dos EUA en Moscova para pedir explicacións.

EUA nega as acusacións

O voceiro do Comando militar do Indo-Pacífico dos EUA, Kyle Raines, respondeu que “non son certas as afirmacións de Rusia sobre as nosas operacións nas súas augas territoriais”.

“Non vou comentar nada respecto á localización precisa dos nosos submarinos, pero voamos, navegamos e operamos con seguridade en augas internacionais”, sostivo.

Rusia reitera as denuncias de desinformación

Durante unha conversa telefónica o sábado, o presidente ruso, Vladimir Putin, comunicou a Joe Biden, o seu homólogo estadounidense, que non entende o motivo polo que “aumentan artificialmente a histeria en torno á suposta planeada invasión rusa, mencionan as datas desa invasión e paralelamente inchan os músculos militares de Ucraína”, salientou o asesor presidencial, Yuri Ushakov.

Estas afirmacións crean “as premisas para accións posibelmente provocativas das Forzas Armadas ucraínas”, afirmou.

Pola súa parte, Biden insistiu na suposta invasión e apuntou que “os EUA imporán un custo severa a Rusia” no caso de que se produza.

Comentarios