Un maxistrado do Opus Dei herda a ponencia sobre a lei do aborto

Andrés Ollero Tassara, que herdou as ponencias da maxistrada saínte do TC Elisa Pérez Vera, entre elas o recurso do PP contra a lei de prazos do aborto, é coñecido polos seus estudos contrarios ao dereito ao aborto e ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

@s catro nov@s maxistrad@s do Constitucional asignáronselles as ponencias de pleno d@s maxistrad@s saíntes: a Encarnación Roca, as de Javier Delgado Barrio; a Fernando Valdés, as de Eugeni Gay; a Juan José González Rivas as do falecido Roberto García-Calvo; e as de Elisa Pérez Vera, entre elas a da lei de prazos do aborto, da que deixa un estudo avanzado, a Andrés Ollero.

Ollero, catedrático na Facultade de Ciencias Xurídicas e Sociais da Universidade Rey Juan Carlos, na área de filosofía do dereito, ex deputado do PP por Granada, escribiu varios capítulos de libros e artigos a respecto do dereito ao aborto. Xurou o cargo de maxistrado do Constitucional o 23 de xullo, e, en declaracións a El País, afirmou descoñecer a ponencia sobre o matrimonio homosexual, que seguramente se debata o 13 de setembro, e sobre a posibilidade de se abster con respecto ao do aborto, non o pensou aínda, á espera de que se confirme que lle corresponde a el esa ponencia.

No mesmo periódico, fontes do Constitucional afirman que deliberar o recurso do PP á lei de prazos do aborto “non é un tema urxente”, ao anunciar Gallardón a promulgación dunha nova lei, desactivando de cheo a lei actual. No entanto, a lei do matrimonio homosexual do 2005, que quedou interrompida pola renovación do Tribunal, será debatida no primeiro pleno á volta das vacacións, o 13 de setembro. A ponencia favorábel do maxistrado Pablo Pérez Tremps podería ser reforzada pola incorporación da especialista en Dereito de Familia Encarnación Roca, do sector progresista.

Nova convocatoria polo dereito ao aborto esta tarde

Como todas as terzas deste mes, a Marcha Mundial das Mulleres continúa convocando unha concentración ás 20.30 diante do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, para reclamaren o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo, perante o anuncio destes cambios lexislativos que supoñen a volta á criminalización.

Comentarios