'Cada gota cuenta' para que a Deputación da Coruña exclúa o galego

A Mesa vén de denunciar máis unha vulneración da lei da Administración local ao deixar fóra a nosa lingua da campaña de sensibilización ligada ao proxecto 'Mandeo', desta volta sobre a necesidade de aforrar auga e que se desenvolve en contornas rurais


A Deputación da Coruña vén de excluír o galego máis unha vez nas campañas que se emprenden desde esta institución. Desta volta fíxoo nunha campaña de sensibilización ligada ao proxecto 'Mandeo', pola recuperación e a posta en valor e o desenvolvemento sostíbel deste río que nace en Sobrado e desemboca na ría de Betanzos. 

Así as cousas, '¡Cada gota cuenta!' é o lema co que o goberno de Diego Calvo (PPdG) pretende concienciar á cidadanía da necesidade de pechar as billas namentres se desenvolven actividades cotiás como lavar as mans ou os dentes.

Español en contornas rurais

A Mesa pola Normalización presentou xa unha queixa formal perante a institución após recibir diversas queixas en que a veciñanza dos concellos de Aranga, Bergondo, Betanzos, Cesuras-Oza dos Ríos, Coirón, Curtis, Irixoa, Paderne e Sobrado daban conta de que a deputación coruñesa estaba a desenvolver neles campañas de sensibilización onde se exclúe por completo a lingua propia do País. 

Nin nos folletos informativos nin nos autocolantes nin nos manuais de 'Buenas prácticas para reducir los vertidos domésticos al sistema de saneamiento' a institución que preside Calvo empregou o galego, vulnerando desta maneira a Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local da Galiza. Este texto promulga no seu artigo 7 que "o galego, como lingua propia de Galiza, é tamén o da Administración local" acrecentando que "todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega".

Na páxina web do proxecto 'Mandeo' os folletos informativos que estan dispoñíbeis para seren descarregados desde o espazo 'Educación e Formación' só teñen versión en español. 

Comentarios