A Xunta reinventa ‘Português para Nós’

Investigador@s da USC acusan o goberno galego de vender como pioneiro un proxecto de cursos gratuítos de portugués en liña xa inaugurado durante o goberno bipartito
photo_camera Elías Torres

Membr@s da asociación Galabra, grupo de estudos universitarios arredor da Galiza e a lusofonía e creador@s de ‘Português para Nós’, denuncian que a Xunta vén de presentar como pioneiro un proxecto de cursos gratuítos de portugués en liña xa inaugurado durante o mandato do goberno bipartito. Así o manifestaron en declaracións a Sermos Galiza, @s investigador@s da Universidade de Santiago de Compostela Elías Torres, especialista en análise da cultura e relacións da Galiza coa lusofonía e Felisa Rodríguez Prado, experta en literaturas e culturas dos países africanos de lingua portuguesa, que encabezaron o grupo de investigación que deu luz o proxecto ‘Português para Nós’.

A iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado do bipartito chegaba por aquel entón ao grupo de investigación Galabra a través da empresa Imaxin Software cun orzamento de 3.000 euros. Tras un ano de intenso traballo “de forte vocación pública”, no que mesmo @s sete integrantes do grupo tiveron de achegar fondos propios, arrincaba no 2008 un proxecto de aprendizaxe absolutamente pioneiro, de balde e en liña, no que o ensino en lingua portuguesa se fomentaba coa inclusión de material sociocultural e contidos gramaticais, léxicos e comunicativos arredor dos países lusófonos. Aloxado na plataforma Moodel, o proxecto, dividido en oito blocos, apoiaba a formación lingüística en portugués con materiais audiovisuais, sonoros, tabelas descritivas e exercicios prácticos.
“Ao comezo do curso escolar do ano 2010, por aviso dun colega da universidade portuguesa, descubrimos que os cursos non estaban accesíbeis na rede; após pórmonos en contacto con Imaxin, comunicóusenos que o programa estaba desactivado por mor de a Xunta ter cesado no pagamento da súa manutención”, explica Elías Torres.

“Foi a típica actuación de cambio de goberno en que un proxecto que viña de atrás e que tiña bastante éxito, decidiuse de súpeto que xa non interesaba”, explica Luz Castro, enxeñeira informática da empresa Imaxin. “Dado que o programa estaba aloxado no noso servidor, cando finalizou o contrato e decidiron non manter o servizo, pasámoslle á Xunta os arquivos relativos aos cursos xa que lles pertencían a eles”, engade a técnica.
O caso é que ‘Português para Nós’ volve estar na rede, agora integrado no servidor da Xunta de Galicia, que só tivo de cambiar o logotipo de Vicepresidencia polo da Consellería de Traballo e Benestar, malia non estaren claras as datas nas que se procedeu á migración ao seu servidor.

“O indignante da situación” radica, para @s investigador@s de Galabra, en que a Xunta de Galicia acordou a sinatura dun convenio, para a execución dun proxecto de cursos de portugués gratuítos e en liña, do que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se erixe como promotora, cunha plurianualidade por valor de 330.625 euros. “Están a vender que inventaron a pólvora co aprendizaxe de portugués de balde na rede, apoiado en contidos culturais, cando iso xa o inventamos nós no ano 2008”, lamenta a investigadora Felisa Rodríguez. “Amais, é moi grave que para un proxecto dese calibre non boten man dos expertos que hai dentro do sistema universitario galego vinculados á lusofonía”, considera a profesora do departamento de filoloxía galega da USC.

Este ‘novo’ proxecto da Xunta que ten por nome ‘Emport’ contará, entre outr@s, coma socios colaboradores coa European Distance and E-Learning Network (Eden), o European & International Federation of Natural Stone Industries (Euro-Roc), a Università Degli Studi Di Roma Tor Vergata, a Universidade Lusófona de Humanidades e Tecnologias, a Empresa Promotora de Serviços De Ensino (Magensinus) e Asesoramiento, Tecnología e Investigación, S.L.,

Comentarios