Adiado (máis unha vez) o xuízo contra 12 galeg@s polo protesto de Galicia Bilingüe en 2009

A vista, fixada para finais de febreiro, desprázase agora até os días 20, 22 e 23 de Maio. Xa foi posposta en outubro de 2012. En conxunto, a fiscalía solicita 46 anos de cárcere e 34.000 euros de multa por delitos de desordes, danos, atentado contra a autoridade e lesións.

Xuizo Galicia Bilingüe
photo_camera Catro d@s imputad@s ás portas do xulgado en outubro de 2012 [Arquivo SG]


O xulgamento contra 12 cidadá(n)s galeg@s polos incidentes acontecidos o 8 de febreiro de 2009 en Compostela durante unha manifestación ''contra la imposición del gallego'' convocada polo grupo Galicia Bilingüe ficou adiado por segunda vez. 

Se en outubro de 2012, cando se quixo celebrar a primeira vista, o problema foi que un dos delitos que se imputaban non aparecía recollido nos autos, desta volta o escollo deriva dun erro na citación que lle foi entregado a unha das persoas encausadas.

Aliás, unha das persoas imputadas atópase nestes momentos no estranxeiro por motivos laborais que non pode pospor e non estaría de volta a tempo. Así que o xuízo non será a finais de febreiro, como estaba previsto, senón que datas anunciadas son agora o 20, o 22 e o 23 de Maio. Malia todo, non están aseguradas en firme. O xulgamento adíase, iso si, tres meses, o tempo estabelecido para estes casos cando as penas que se piden superan os dous anos de cárcere.

46 anos de cárcere e 34.000 euros en multas

En conxunto, a fiscalía solicita 46 anos de cárcere e 34.000 euros de multa. O xulgamento ficara adiado 'sine die' en outubro de 2012, ao introducir o ministerio fiscal cargos adicionais para tres dos imputados que non aparecían contemplados no escrito da acusación. Así, @s 12 están encausad@s por un delito de desordes públicas polo cal a fiscalía reclama 2 anos de prisión, 24 anos en total.

De maneira individual imputáronse tamén delitos de danos, atentado contra a autoridade e lesións polos que tamén se piden dous anos de cadea. En total, as penas de cárcere solicitadas para cada unha das persoas que sentará no banco d@s acusad@s vai dos dous até os sete anos. 

Comentarios