A Rede Europea de Igualdade Lingüística (ELEN) emitiu un comunicado no que constata, en relación á información oficial sobre a COVID-19, “os estados non compartiron sistematicamente a información, instrucións, directrices ou recomendacións en idiomas distintos do idioma oficial do país”.
Esta organización de ámbito europeo sinala que “a comunicación de recomendacións relevantes nos idiomas cooficiais é de suma importancia para o benestar dos falantes destes idiomas”. Advirten ás autoridades que “non deben esquecer, que os falantes das linguas cooficiais son unha parte integral das súas sociedades e para que as medidas adoptadas teñan pleno efecto, deben estar dispoñibles e ser facilmente accesibles para toda a poboación”.
Consideran que é un requisito para os estados membros do Consello de Europa que ratificaron a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias ( ECRML), como é o caso do Estado español, e polo tanto deberían todos os estados “tomar medidas para dirixirse aos seus cidadáns en todos os idiomas que se falan tradicionalmente nos seus países, ratificasen ou non a Carta.
Recompilación de datos
Na actualidade, ELEN está a recompilar datos das súas organizacións membros sobre se os gobernos emitiron información e proporcionado educación en liña ou por televisión nos seus respectivos idiomas. Os datos recompilados se compilarán nun Informe para o Consello de Europa e as institucións da Unión Europea (UE).