No verán estará dispoñíbel en modo on-line o primeiro dicionario galego-estoniano, que están a elaborar once estudantes da Universidade de Tallín. Un traballo que conta co apoio do Instituto da lingua estonia e que se centra, informan nun comunicado, no nivel básico equivalente aos niveis Celga 1 e Celga 2, mais que se agarda ir ampliando nun futuro.
A preparación deste proxecto forma parte dos proxectos LIFE (“Aprender nun ambiente interdisciplinario”) ofrecidos pola Universidade de Tallín, nos que estudantes de diferentes campus colaboran con docentes e institucións privadas de fóra da Universidade.
Os estudantes tiveron a opción de 40 proxectos diferentes. Os motivos para elixir este proxecto foron variados, pero destaca o interese dos estudantes pola cultura galega. “Unha estudante inscribiuse porque é de Valga (cidade estoniana duns 15.000 habitantes) e a coincidencia do seu nome co do concello galego pareceulle curiosa. Ambas vilas están irmandadas”.
Quen consulta o dicionario descubrirá que o galego en estoniano é galeegi keel, a amizade é sõprus e cidade é linn. "Calquera persoa interesada nunha definición de amor pode ler un poema do poeta estoniano Jüri Talvet titulado Armastus, que é un dos poucos exemplos de tradución do estonio ao galego ou viceversa".