Europa critica a política lingüistica do PP en Galiza

Un relatorio presentado por un comité de expertos do Consello de Europa asegura que non se están a levar a cabo políticas de defensa da lingua propia. A Mesa pola Normalización Lingüística solicita a Feijóo que mude a súa postura de agresión ao idioma

O Comité de Expertos do Consello de Europa asegura, despois de recibir todo tipo de informes como o que lle proporcionou o Consello da Cultura Galega, que a Xunta de Galiza non protexe nin promociona abondo o idioma propio do país. Nun estudo publicado agora tamén dá a coñecer como estan outras linguas minorizadas do Estado como o euscara e o catalán. Neses outros casos "aplauden" o traballo realizado por eses gobernos.

Segundo datos aportados pola MNL "nestes momentos, nas estimacións máis optimistas, só o 20% do ensino non universitario se desenvolve en galego

Entre as críticas máis contundentes de Bruxelas esta a da "redución gradual" do ensino en galego e o denominado "decreto do plurilingüísmo" que introduciu Feijóo despois da súa chegada ao goberno. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, valorou este informe como moi negativo para a actuación do goberno do Partido Popular e lamentou que “non se coñecese antes das eleccións autonómicas”, pois “demostra de forma palpábel que existe unha distancia enorme entre a propaganda do equilibrio lingüístico que vende Feijóo de forma falaz e a dura precariedade en que se encontran os dereitos das e dos falantes de galego”. Segundo datos aportados pola MNL "nestes momentos, nas estimacións máis optimistas, só o 20% do ensino non universitario se desenvolve en galego e que só o 3% dos centros de infantil das cidades declaran impartir as aulas na lingua do país".

Outro das eivas que se fai público no relatorio do Comité de Expertos é a vulneración de dereitos lingüísticos no sector da Xustiza. A razón é a implantación por parte do goberno de Feijóo dun novo programa informático que impide usar o galego con normalidade nas xestións administrativas máis habituais.

Entre as recomendacións do documento publicado por Bruxelas esta a de animar "as autoridades a promover, mediante un acordo con autoridades portuguesas, a recepción de canles de televisión portuguesas en Galiza".

Comentarios