''Se hai un boneco Nenuco, por que non un que se chame Alburuxe?''

A activista pola lingua Ana Iglesias cose bonecos con palabras galegas que están en desuso, desaparecidas, descoñecidas, agochadas...os 'palabruxos'.  "A maneira de que a riqueza da nosa lingua non se perda é transmitírllela ás crianzas. Quero facerlles chegar todas estas palabras a través dos seus bonecos"

palabruxos
photo_camera Foto: Manuel Casal

Namentres xantaba tortilla canda unhas amizades, Ana de Vilatuxe soubo que non era ela a única persoa empeñada en que a riqueza do galego non ficase ciscada entre a xeración das nosas avoas e a das nosas nais. Palabras que elas empregaron toda a vida e que nós xa non atopamos no dicionario puxérona a coser bonecos que as levan por nome, explicando a procedencia e o significado que alí se lle dá. Unhas mostras: o moucho 'Alburuxe' que xa descansa no sofá da poeta Luz Fandiño; o pingüín 'Carrouchoco que xoga o seu fillo Brais; ou 'Deligras', unha ourizo cacho que axiña ha choutar pola casa do escritor Séchu Sende.

"A compañeira de Séchu [Sende] contoume que de onde ela é, en Cerdido, non se di 'cóxegas' senón  deligras', que xa a incorporei e foi a primeira palabruxa"

Como lle deu por se poñer a recuperar o idioma dunha maneira tan peculiar?

Foi nun xantar cunha parella amiga. Descubrimos que todos usabamos o dicionario Estraviz e que anotabamos palabras das que coñeciamos o significado mais cuxo uso se estaba a perder. Nunha cafetaría, se xa custa que non traduzan o café con leite, o de 'leite morno' en poucos sitios o entenden malia ser unha palabra relativamente común.

De onde foi tirando esas palabras?

[ri] Igual que hai xente que le a Biblia eu leo o Estraviz. Buscas por unha palabra e fíxaste nas que van diante ou despois... e apareceu alburuxe'. Pensei "que bonita... e ninguén a usa". Outras palabras que anoto son aquelas que sabemos que se usan en determinadas zonas, por coñecemento familiar ou de amizades, mais que xa non veñen nin no dicionario. Con todo, aquí atópome co problema de que moitas veces non se coñece o verdadeiro significado. Por exemplo, miña nai emprega moito 'volpoiro': "o volpoiro da túa filla comeu non sei cantas filloas". E ao lle preguntar exactamente a que se refire non mo sabe explicar porque para ela é obvio, leva toda a vida a usala.

"Coñezo o caso dunha parella que colocaba post-it pola cociña cos nomes dos utensilios para non esquecer que 'tenedor' en galego é unha alga e que o que empregamos para comer se chama 'garfo'.

E non sabe tampouco como a escribir...

Claro! Neste caso non sei se con 'b' ou con 'v'. A onde recorres? Ao Estraviz. Procuras as variantes, mais non atopas nada. Son esas palabras que quedan desprazadas moitas veces porque xa se foron perdendo. Tamén apunto todo o que aportan as amizades. Rocío, a compañeira de Séchu [Sende] contoume que de onde ela é, en Cerdido, non se di 'cóxegas' senón 'deligras', que xa a incorporei e foi a primeira palabruxa. Até entón eran todos masculinos [ri] Tamén hai palabras que atopei na rúa, como 'remelar'. Ouvinlla a un señor e pareceume preciosa. A idea naceu dese medo a perder a nosa lingua, combinado coa miña afición pola costura e o ganchillo [sorrí]

Porque despois cose vostede propia un boneco para cada palabra.

Si. Até agora fíxeno soa e agora teño unha amiga costureira profesional que me bota unha man. Coido que a maneira de que a riqueza da nosa lingua non se perda é transmitírllela ás crianzas. Quero facerlles chegar todas estas palabras a través dos seus bonecos. Igual que hai un que se chama Nenuco e outros nomes comerciais, por que non vai haber un que se chame Alburuxe? Ou Carroucho? Ou Deligras? Nos bonecos que fixen até o de agora, todos para agasallar, a palabra vai bordada. Porén, quixera incorporarlles unha etiqueta como as das prendas de vestir, que explicase de onde vén ese nome, en que zona do País se emprega, que significado lle dan nese lugar e todas as demais acepcións que poida ter. Se se perden as palabras vaise perdendo o idioma.

"A maneira de que a riqueza da nosa lingua non se perda é transmitírllela ás crianzas. Quero facerlles chegar todas estas palabras a través dos seus bonecos"

Procura as palabras no Estraviz, un dicionario de galego-portugués. Está detrás tamén esa reivindicación desa identidade internacional que ten a nosa lingua?

Si. É unha lingua única. Malia que non emprego a forma reintegrada, si considero que o galego normativizado non é máis que unha forma castelanizada do noso idioma.

E o nome da súa filla? É un palabruxo?

[ri] Chámase Arentía, que é un topónimo dunha aldea de Boimorto. Aínda así, a xente tómao como "un nome deses modernos".

O proxecto ten algo a ver co seu emprego ou é activismo puro e duro?

Non, non! Eu traballo de decoradora nunha tenda de cortinas. Nin son filóloga, nin son estudosa da lingua. Só unha galega que non quere que os seus fillos perdan o idioma. Maneiras para o facer hai moitas, o que cómpre é interese. Coñezo o caso dunha parella que colocaba post-it pola cociña cos nomes dos utensilios para non esquecer que 'tenedor' en galego é unha alga e que o que empregamos para comer se chama 'garfo'. Se tantas persoas do común temos na casa unha listaxe de palabras que non queremos que se perdan, de seguro que hai moita máis xente que o fai.

Como podemos achegarlle propostas?

A través de palabruxos.com.

Entrevista publicada no Sermos Galiza nº41

Comentarios