O informe definitivo será presentado no Consello de Dereitos Humanos da ONU en marzo de 2020. Nel, Varennes, sinalou a “desconexión entre o estado reclamado dos idiomas cooficiais e o alcance do seu uso real”, o que supón di, unha “discriminación no acceso aos servizos públicos”. Será a primeira vez que o organismo internacional tome parte na situación do galego.
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou logo un escrito no que reclama á Xunta a atención ao mesmo e expón a súa “disposición a colaborar” e a "estudar conxuntamente a modificación de todo o preciso para avanzarmos”. Na carta, o presidente da Mesa Marcos Maceira, pide a Alberto Núñez Feixó que "solucione as eivas nos dereitos lingüísticos no Estado", que deron orixe a, nas súas palabras, "importantes mobilizacións sociais dos últimos anos na defensa do noso idioma".
Igualmente, a entidade colaborou con Varennes, ofrecéndolle información sobre o marco lingüístico en Galiza e comprometéndose a mantelo informado da evolución ao respecto.