Rexistrada, con máis de 28.000 apoios, a ILP polo galego no ámbito socioeconómico

Marcos Maceira: “De se aprobar e se cumprir será o principal avance para o galego en 34 anos de Lei de Normalización Lingüística”

DSC07691

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira e a membro da súa Comisión Permanente, Celia Armas, rexistraron esta cuarta feira no parlamento as máis de 28.000 sinaturas recollidas en apoio á ILP ‘Sentido Común’ de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Con anterioridade, mantiveron unha reunión co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para presentarlle o contido da proposta que se debaterá nas próximas semanas no Parlamento para a súa toma en consideración. Se o voto é favorábel comezará o proceso de transformación en Lei. “De se aprobar e se cumprir será o principal avance para o galego en 34 anos de Lei de Normalización Lingüística”, considera o presidente da MNL.

Maceira e Armas valoraron positivamente a campaña desenvolvida, destacando que os apoios recadados na mesma case triplican o obxectivo. Máis de 28.000 firmas que son “máis necesarias que nunca” para mudar as actitudes hostís ao galego que se manifestan no ámbito económico.

A Mesa indica que con esta ILP quer dar máis un paso para acabar con carencias que aínda ten o noso idioma a pesar dos 34 anos que pasaron da Lei de Normalización lingüística. “Un dereito que galegas e galegos aínda non conquistamos é que no ámbito socioeconómico supón non termos liberdade para sermos atendidos, entendidos, informados, para contratarmos e utilizarmos o galego, simplemente por non existir opción”.

“Non pode ser que no ano 2017 a lingua galega sexa a única lingua do Estado que non conta cunha lexislación semellante para protexer quen usa o galego. No caso vasco os dereitos que contempla a ILP están recollidos no Estatuto das Persoas Consumidoras e Usuarias e no catalán no Código de Consumo de Cataluña”.

Na rolda de contactos e xuntanzas para informar desta proposta, A Mesa reuniuse nesta cuarta feira con Antón Arias, presidente da Confederación de Empresarios.

Comentarios