Señora e señorita

Screen Shot 2018-10-26 at 11.47.07
photo_camera Clémence Royer

En 1901 Franza lexisla por vez primeira sobre o voto das mulleres, limitado a aquelas que non teñan marido para as representar. En paralelo con ese debate, a sociedade “Le suffrage des femmes” lanzou unha carta-manifesto sobre o uso da palabra señorita.

Entre as promotoras está Clémence Royer, unha das principais figuras do feminismo do século XIX, profesora en La Sorbonne e tradutora para francés da obra de Darwin A orixe das especies, versión esta que trouxo por vez primeira á Galiza, concretamente a Pontevedra en 1870, a teoría de Darwin.

Nese manifesto, divulgado amplamente na prensa, recóllense as razóns polas que non usar a palabra mademoiselle: “Considerando que as denominacións de madame e de mademoiselle colocan a muller en condición de inferioridade moral e material con relación ao home que, mozo ou vello, casado ou non, sempre é chamado monsieur a sociedade Le suffrage des femmes, en sesión celebrada na alcaldía do undécimo distrito resolve que a palabra madame se empregue sempre para designar as persoas de sexo feminino sen distinción de idade nen estado civil”.

En 1901 Franza lexisla por vez primeira sobre o voto das mulleres, limitado a aquelas que non teñan marido para as representar

Tamén na Galiza foi recollida a polémica xerada por ese manifesto de 1901 que El Regional: diario de Lugo alcuma de “feminismo agresivo” ao entender que promover o uso de señora en todos os casos para designar as persoas de sexo feminino sen distinción de idade ou estado civil para así colocar a muller en condicións de igualdade con respecto ao home, denominado sempre señor, non se axustaba ás normas de uso social.

Captura de pantalla (3)

Mais de trinta anos antes da publicación deste manifesto, en 1869, a propia Clémence Royer levantou a polémica ao levar a cabo unha campaña desde o Journal de femmes en que anunciaba que as cartas e canto lle fose dirixido sob o apelativo de mademoiselle sería devolto aos expedidores. Xustificaba a súa decisión dunha parte en que a diferenza que se aplica ás mulleres con señora e señorita non é aplicada aos homes e por outra parte en que a tradición francesa consiste en usar a palabra madame tal como a empregan Moliere, Racine ou Corneille ao nomear as súas heroínas mozas da mesma maneira que as de idade e casadas.

Tamén na Galiza foi recollida a polémica xerada por ese manifesto de 1901 que El Regional: diario de Lugo alcuma de “feminismo agresivo”

Tamén houbo quen derivou a polémica e saltou este paso afirmando que na república só hai cidadáns e cidadás.

E por aí, que se pensa?

Comentarios