'Os reis e as raíñas da Galiza': “Unha verdadeira obra de arte”

Este sábado tivo lugar na libraría Couceiro de Santiago de Compostela a presentación, organizada pola Agrupación Cultural O Galo, do volume Os reis e as raíñas da Galiza, asinado polos investigadores Alexandre Peres Vigo, Héitor Picallo Fontes e Xosé Ramón Ermida Meilán e editado por Sermos Galiza.
Presentación de 'Os reis e as raíñas da Galiza', este sábado en Compostela (Foto: Luis Polo).
photo_camera Presentación de 'Os reis e as raíñas da Galiza', este sábado en Compostela (Foto: Luis Polo).

Este sábado tivo lugar na libraría Couceiro de Santiago de Compostela a presentación, organizada pola Agrupación Cultural O Galo, do volume Os reis e as raíñas da Galiza, asinado polos investigadores Alexandre Peres Vigo, Héitor Picallo Fontes e Xosé Ramón Ermida Meilán e editado por Sermos Galiza.

No acto interviron Simon R. Doubleday, profesor de Historia na Hofstra University (Nova York, Estados Unidos de América) e prologuista do libro, así como os coautores Alexandre Peres Vigo, profesor da Universidade da Coruña (UDC), e Héitor Picallo, investigador.

Intervencións

Doubleday cualificou o libro como “unha verdadeira obra de arte”. Ademais, afondou no papel central da Galiza e de Portugal na monarquía do século XI, momento no que, pola contra, “Castela era relativamente periférica”. Con todo, afirmou, “non debemos descartar a importancia de León”.

“Estas publicacións son un instrumento esencial para resistir o dominio doutras narrativas hexemónicas que presentan a Galiza como parte dunha periferia”, aseverou o hispanista. “Desde a antigüidade foi a posición na beira atlántica a que lle deu un papel central no desenvolvemento da economía ibérica”, concluíu.

Picallo centrou a súa intervención na época do Baixo Medievo Galego (entre os séculos XIV e XV), facendo fincapé “na presenza do galego” cando Xoán de Gante (1340-1399), o Duque de Lancaster que tomou a Galiza como base de operacións e chegou a ser coroado rei dos galegos en 1386, trae con el os seus propios intérpretes.

O investigador tamén abordou a presenza da Galiza na literatura medieval europea, así como a importancia do país a nivel diplomático. “Nalgunhas ocasións, que non foron poucas, a Galiza puido ser moeda de cambio en momentos de conciliación política”, afirmou.

“Temos bastantes datos e moita información [sobre o Reino da Galiza], mais o sistema educativo non transfire ese coñecemento, que é amplo e con moi bos investigadores”, explicou pola súa parte Peres Vigo. “Sábese bastante, pero fallan os currículos educativos que deseñan as autoridades”, acrecentou.

“Arrastramos descoñecemento do noso pasado, e cando aparecen figuras a destacar hai tendencia a relativizar o seu valor, a acomplexarse ou sentir vergoña de reivindicar os nosos”, afirmou o profesor da UDC. Peres Vigo serviuse do exemplo de Pedro Pardo de Cela (1425-1483), “unha figura demonizada polas autoridades do momento, os Reis Católicos”. Porén, dixo, na Galiza, “o xuízo deste coñecido rebelde que non se someteu á monarquía foránea era positivo”.

Historia ao longo dos séculos

Neste libro poderán coñecerse os monarcas suevos, protagonistas dunha das historias máis extraordinarias e mellor documentadas da Europa dos séculos V e VI, aos que a Galiza lles debe o feito de se ter erixido, desde o ano 411, nun reino dinámico e innovador, na que brillaron eruditos cristiáns como Hidacio (390-469) ou Martiño de Dume (515-580).

Cun amplo abano de tempo, tamén se trata, entre outras moitas cuestións ao longo dos séculos, a emerxencia dos novos reinos de Castela e Portugal, a vocación atlántica do e a decadencia do reino ao pasar a mans de diferentes casas foráneas: os Trastámara, os Habsburgo e finalmente os Borbóns.

Perspectiva de xénero

O estudo desenvólvese con perspectiva de xénero, un elemento transversal na totalidade dos contidos. Por este motivo, estúdanse as biografías de 17 raíñas galegas co obxectivo de pór en valor o papel central que desenvolveron ao longo da historia. Entre algunhas destas mulleres, afóndase nas figuras de Elvira Mendes (864-921), Adosinda Guterres (934-964), Urraca I (1081-1126), Xoana I de Castro (finada en 1374) ou Xoana III de Trastámara (1462-1530).

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios