#25M: un mapa electoral das nacións sen estado europeas

Enquisas e sondaxes de pre-campaña apuntan a que tras o 25 de maio haberá na Eurocámara unha nutrida e plural representación de partidos das nacións sen estado, rexións ou minorías nacionais da UE. 

bandeiras

Malia o que pensan en Madrid (entendido como centro económico, político e mediático español) o 'problema nacional' non é algo exclusivo do Estado español, unha 'particularidade' ibérica que ninguén entende en Europa. Unha boa oportunidade para lembralo será ovindeiro  25 de maio, data dos comicios europeos. A web Nationalia, do Ciemen (Centre Internacional Escarré per a les minories ètniques i les nacions) fai un interesante percorrido sobre as perspectivas electorais, en base a sondaxes e enquisas, dos diferentes organizacións nacionalistas que concorren a esta cita.

Os partidos das nacións sen estado que terán máis escanos serían, entre outros, @s flamenc@s do N-VA e @s irlandes@s do Sinn Féin

En Reino Unido para estas eleccións hai un dato fulcral: Gales e Escocia teñen circunscrición propia. @s gales@s poden escoller 4 eurodeputados, @s escoces@s seis e Irlanda do Norte, tres. A sondaxe paneuropea Pollwatch 2014 prevé que o SNP (independentistas escoceses) terán 2 europarlamentarios, o Plaid Cymru (soberanistas galeses) obterían un.

No que atinxe a Irlanda do Norte, o Sinn Fein obtería nas urnas un escano na Eurocámara. Mais pola circunscrición da República de Irlanda a sondaxe vaticínalle tres deputados máis, co que esta veterana formación feniana desembarcará en Estrasburgo con 4 representantes.

Pirineos

Nationalia considera que da República francesa poucos escanos van ter os partidos das nacións sen estado. O eurodeputado soberanista corso François Alfonsi vai ter difícil recuncar, vaticinan. Por Breizh (Bretaña) vai concorrer unha lista impulsada pola UDB. Mentres, en Occitania os nacionalistas tentan artellar unha candidatura con vascos e cataláns.

Do Estado español poderían saír para a Eurocámara entre 6 e 8 escanos obtidos polas forzas nacionalistas

No Estado español, Nationalia incide no feito de que sexa circunscrición única, o que obriga a coligacións e alianzas. Fala de varias listas nacionalistas que poderían conseguir representación o 25 de maio, segundo diferentes enquisas e sondaxes. Esquerra Republicana de Catalunya tería 2, a coligación BNG-EH Bildu, 1; a coligación PNV-CiU-Compromiso por Galicia e Coalición Canaria, 2 ou 3. A isto engade a posibilidade de que Anova teña, dentro da candidatura IU, escano, así como IC-V.

Puzzle belga

En Bélxica hai 3 circunscricións: a flamenca, a francófona e a xermana. As enquisas apuntan a que o partido máis votado vai ser Nova Alianza Flamenca (N-VA), con 4 escanos.

Na Gran Bretaña as diferentes nacións que a conforman (Escocia, Gales..) teñen circunscripción propia, garantindo a súa representatividade na Eurocámara

En Italia as eleccións europeas non son a circunscripción única, pois a península está dividida en varias, se ben non coinciden coas 'entidades nacionais'. Por iso, as forzas nacionalistas adoitan enmarcarse en coligacións estatais. As sondaxes dan posibilidade o Partido do Tirol do Sur de recuncar cun escano.

Mais en moitos máis estados pousa os ollos Nationalia:Rumanía (@s húngar@s de Transilvania), Letonia, Eslovaquia.. para falar das posibilidades de representación das súas minorías nacionais. Un caso a ter en conta é Dinamarca: Se ben forma parte da UE, nin Groenlandia nin as Illas Feroe (nacións sob a súa administración) están na Unión Europea.

Comentarios