Beatriz Mato comparecía esta terza feira no Parlamento para presentar as liñas de traballo que desenvolverá a Consellaría de Traballo e Benestar. A conselleira que se gabou das cifras de desemprego en Galiza fronte ás "doutras comunidades autónomas", presentou un programa de emprego xuvenil encamiñado a procurar traballo @s moz@s galeg@s en paro principalmente, dixo, "aqueles que posúen unha baixa formación" académica.
A Xunta creará contratos de formación para menores de 30 anos que eximirán ás empresas de cotizaren á Seguridade Social entre 1 e 3 anos
Neste senso, a Xunta de Galiza porá a andar máis un contrato de formación dirixido á mocidade menor de 30 anos. Seguindo os trazos da reforma laboral aprobada polo Partido Popular en Madrid, Mato asegurou que o programa ten unha duración de 1 a 3 anos e que eximirá ás empresas de cotizaren por est@s traballador@s. A cambio, as mozas e mozos obterán "un salario acorde ao convenio colectivo" --indicou a conselleira-- e un "certificado ou título homologado no Estado español".
Para os grupos da oposición o anuncio da conselleira non reverterá as "cifras inasumíbeis de desempego xuvenil" e non serve senón para "drenar os recursos públicos en beneficio da patronal". Así llo fixo saber na sesión plenaria a deputada nacionalista, Montse Prado quen criticou á conselleira por "buscar un titular" para a imprensa en troca de reverter a realidade actual na que "a metade da poboación moza está desempregada", sentenzou a deputada do BNG.
Aliás, Montse Prado denunciou que a conselleira de Traballo propuxese á mocidade galega "un programa de voluntariado para formarse en Europa" cando o que precisa a xuventude, dixo, "é un traballo digno e na terra".