AGE acusa á Xunta de deixar ''desprotexidos'' @s integrantes da comunidade LGTB que sexan agredid@s

“Ningunha agresión vai ser penada nin castigada”, critica a deputada Eva Solla, “e todo queda apenas nunha boa declaración de intencións” na nova lei de non discriminación de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.

Eva Solla
photo_camera CC SA-NC-BY Sermos Galiza

A nova lei de non discriminación de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais (LGTB) deixa sen protección ás persoas desta comunidade que sexan agredidas. Un desamparo do que a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) responsabiliza ao Partido Popular. A norma someteuse na tarde desta terza feira ao dítame da ponencia en comisión pero, en palabras da deputada de AGE Eva Solla, “saíu completamente desnaturalizada”.

A formación acusa ao PP de eliminar durante o proceso de debate todos os artigos do réxime sancionador da norma, que orixinalmente fora presentada polo PSdeG como proposición de lei. “Ningunha agresión vai ser penada nin castigada”, critica Solla, “e todo queda apenas nunha boa declaración de intencións”.

A maiores, o PP suprimiu o artigo que solicitaba protocolos sanitarios, policiais ou xurídicos e informes de seguimento para casos de violencia contra lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. “De feito, o PP tamén se negou a aprobar unha emenda de Alternativa para incluír o concepto e definición de intersexual no texto”. Eva Solla engade a isto que a maioría gobernante “tamén retirou á referencia á necesidade de recuperar a memoria de gais e lesbianas represaliados pola ditadura fascista de Franco”. 

Comentarios