O escano galego en Europa é un documento que recolle o traballo feito polo BNG no Parlamento europeu na pasada lexislatura, o labor da eurodeputada Ana Miranda.
Miranda, quen aspira agora a voltar a Bruxelas, estivo acompañada no acto de apresentación desta obra por Xavier Vence e por Camilo Nogueira, o primeiro eurodeputado do BNG en Bruxelas.
"Se de algo me sinto orgullosa do traballo destes anos na Eurocámara é de ter logrado que o escano do BNG fose o escano do pobo galego, de todos aqueles cidadáns e cidadás da nosa terra, votaran ou non ao BNG nas pasadas eleccións europeas. Foi un escano de país. Porque non houbo problemática que lle afectara a Galiza que non fora tratada no Parlamento Europeo grazas á voz do BNG”, dixo Ana Miranda.
“Foi o escano máis produtivo para Galiza, porque en ano e medio presentamos máis iniciativas que o PP e o PSOE xuntos en 5 anos”
A candidata exemplificou o traballo do BNG a prol do país con iniciativas arredor do veto á construción naval nos estaleiros de Ferrol, o acordo pesqueiro con Mauritania que marxina a frota galega, o nulo saneamento das rías galegas...“Foi o escano máis produtivo para Galiza, porque en ano e medio presentamos máis iniciativas que o PP e o PSOE xuntos en 5 anos”, afirmou Miranda.
O escano do BNG quer ser o escano do pobo galego e quer ser tamén, enfatizou, o escano que patentice a vontade de Galiza de "ser unha nación en Europa", vontade que xa expresou no seu día en Bruxelas Camilo Nogueira, salientou Miranda.
"A nosa é unha nación sen Estado, igual que lles ocorre a outros 65 millóns de cidadáns da UE", dixo.